O qolé é un trasno doméstico que vive en Etiopía e que se encarga de coidar da casa e das persoas que a habitan, así como de axudalas nas tarefas do fogar. Pasa que en África é máis fácil recoñecer determinados seres: se non te explotan, é que son trasnos.
Contan dunha dama da raíña Isabel I que quixo, alá polo 1500, levarse unha reliquia de San Isidro durante unha visita á colexiata do santo e que, ao bicarlle o incorrupto pé dereito, arrincoulle cos dentes o dedo polgar. Descoñécese o paradoiro do dedo, aínda que pode ser que se usase, triturado, trescentos anos despois, como pomada e lavativa para o fillo enfermo dunha duquesa. Isto vén sendo o que emociona, de verdade, destas coleccións de néboa: que nunca se lle esgotan a un os temas importantes.
Ambrose Bierce tiña unha excelente opinión destas damas piadosas que mordían dedos incorruptos de santos indefensos, pero á parte desa, desa excelente opinión, as demais opinións que Ambrose Bierce tiña delas, destas damas piadosas, eran un desastre. De aí, se cadra, a definición que ofrece de rezar no seu Diccionario do Demo: pedir que se anulen as leis do universo para beneficio dun único solicitante que, segundo confesión propia, nin sequera o merece.
Se un home recibe a descarga dun raio e non morre din por aí que adquire grandes poderes. Se morre tamén os adquire, entendo, pero xa para qué.
Un peso pluma pesa máis ca un peso galo, como catro quilos máis, o que axuda bastante a entender o boxeo, que se entende como as mulleres de Amiel, que se entenden coma o linguaxe dos paxaros: ou por intuición, ou de ningunha maneira.
A felicidade non existe: hai que tratar de ser feliz sen ela. E que isto o tivese que dicir Jerry Lewis…






