Francis Obikwelu, subcampión olímpico dos cen metros en Atenas 2004, sabía xa entón, por exemplo, díxoo nunha entrevista, a que hora saen as serpes a matar; que resina de que árbore de que selva nixeriana cura as feridas dos pés; canto tempo che dá un león para que corras antes de virse a ti, antes de desmembrarte. Son estes saberes básicos que explican que a Obikwelu tanto lle tivese unha décima máis ou menos nun estadio olímpico, porque nos estadios olímpicos nunca se deu o caso, ata a data, de que un león perseguise a ninguén. É por iso que o soño de Obikwelu era ter obikwueliños e vivir con eles nunha granxa de África, un pouco como Isak Dinesen cando non era Isak Dinesen e tiña, máis que unha granxa, unha plantación enteira de café, e logo unhas memorias, e todo estaba en África, tamén, só que Robert Redford aínda non nacera nin Francis Obikwelu o coñecerá na vida, intúo, porque para que: a un tipo que lles sabe poñer trampas ás pitóns impórtalle unha merda Robert Redford. Naturalmente.
Da mesma maneira, e contra o que puidese parecer, os neurocientíficos son donos de saberes importantes. Por exemplo tamén: mentres vostede move un ollo, calquera dos dous, incluso ambos, o ollo non ve nada, e vostede tampouco, por extensión. Durante o tempo que dura o movemento, como 150 milésimas de segundo se o ollo non é Obikwelu, que non ten por que, vostede é cego, amigo, aínda que lle parecerá que non. Isto é, que lle pareza que non, porque o ollo, aproveitando as milésimas libres, garda unha imaxe fixa do que un, vostede, eu, o ollo, estaba vendo antes do movemento, e isto é importante, xa digo que si, pero tamén terrible: unha vez visto o que lle fai afastar a vista, valla o trabalinguas, o ollo fará que dure, como mínimo, 150 milésimas de segundo máis. Agora imaxine que o que estaba vostede vendo era un telexornal. Ou chorar ao seu fillo. Ou, postos xa no peor, Tutatis non o permita: a cara riseira de Mercedes Milá.
Uf.
Ir morrendo vai ser, ou iso espero, ir esquecendo a modo os saberes chorras, que son, advírtolles, lexión, para conservar as catro cousas básicas. Estas tres cousas básicas, seguro que imaxinan, sonlles dúas: unha única cousa, ao mellor distinta para todos. Johnny Weissmuller, por poñer outro exemplo, o último, quedou co berro de Tarzán, estupenda elección, a que faría eu mesmo de ser Johnny Weissmuller, a que faría eu mesmo de poder escoller: “Ahhh, ahahahahhh, ahahahahhh”.
Ahhh. Ahahahahhh. Ahahahahhh. Se non está todo aí, díganme qué falta.






