Fragmentos de Apocalipse (12)

| 0 comments

Só anotar que anota Bryce Echenique que anota H. de Montherlant que é preciso escribir como se un fose amado, como se un fose comprendido e como se un estivese morto. Esta terceira condición é, naturalmente, a máis fácil de disimular. E tampouco serán moitos os que noten a diferenza.

En 1697, o Goberno británico empezou a gravar con impostos a posesión de ventás, por raro que pareza posuír un burato. Dez ventás pagaban catro xilins . Vinte, oito. Cando as taxas, que son como pistolas e dispáranse sempre, fixérono, os pobres comezaron a cegar ventás, que era como non ter cartos para comprar sol. O imposto durou século e medio. Agora pense vostede en calquera cousa absurda que lle poidan cobrar e cóidese de rir: alguén xa pagou por ela.

O marrueco é un coco ou asustanenos tradicional do concello asturiano de Cabranes. A pregunta é se un pode ser neno e de Cabranes e pasar medo coa Bruja Piruja sen que lle afeen semellante escaseza de apego á terra, ás orixes, aos devanceiros todos,  aínda que sexa para levar un susto.

Di unha vella crenza popular que quen consiga permanecer coa cabeza baixo a auga do mar durante sete ondas seguidas nunca vai morrer afogado. Nunca, despois dese día, enténdese.

Por motivos opostos, Xosé Manuel Caballero Bonald procura non subir a barcos fráxiles, porque un código non escrito afirma que aquel que sobrevive a tres naufraxios ten asegurada a inmortalidade: “Como eu xa tiven dous, un no río Guadalquivir e outro no Magdalena, en Colombia, non quero outro máis: converteríame en inmortal, e iso resultaríame bastante incómodo”. A inmortalidade é o que ten: ou te colle con vinte anos, ou xa nin fai ilusión nin fai nada.

 

Deja un comentario

Required fields are marked *.

*


*