Fragmentos de Apocalipse (11)

| 0 comments

Cando o químico alemán Adolf von Baeyer, anos despois Nobel de Química, descubriu o ácido barbitúrico mentres investigaba os cálculos renais, a súa moza chamábase Bárbara, e de aí o nome do ácido. Foi así como nos libramos de que a causa oficial da morte de Marilyn fose, por exemplo, unha sobredose de mariaeulaliúricos, pois se, para moza, hai que respectar calquera nome, para axente causante de morte mítica é aconsellable conducirse cun pouco máis de seriedade.

Por regra xeral, as persoas humanas, e moitas das inhumanas, téñenlles máis medo ás arañas que á morte, cando é máis probable estatisticamente morrer, poñamos por caso, polo golpe do tapón dunha botella de cava que pola picada dunha araña velenosa. A conclusión é a que están vostedes pensando: a EXB non sería a actual Primaria, pero tampouco era para botar foguetes.

En Abisinia, vello nome da actual Etiopía, elixían a un can emperador e eran as reaccións do can as que guiaban a acción política: se aparecía alegre, o pobo estaba sendo ben gobernado; se ladraba a un visitante, o visitante duraba, vivo, dez minutos. Como os emperadores humanos de todas as épocas, ou sexa, pero cun criterio claro.

Di Alberto Manguel que, cando un escribe, escribe por vaidade, para compartir historias, para facer preguntas, para recapitular, para dar testemuño… ou porque é Dante. Eu, que non son Dante, creo, pero escribo, entre outras cousas, para estar completamente seguro, vexo, como mínimo, outro motivo máis: o 2 de abril de 1805, á unha da madrugada, nun barrio marxinal de Odense, Dinamarca, naceu Hans Christian Andersen, sobre unha cama que seu pai construíra cos restos dun ataúde. Quero dicir que cun principio así, se non se escribe, pois a ver qué se fai.

Logo engade Manguel que ler si, pero non escribir: escribir non é nunca necesario. Desde logo que non. Eu podo deixalo, por exemplo, xa.

 

Deja un comentario

Required fields are marked *.

*


*