Puro fume

| 2 Comments

Aquí xa non le ninguén porque está todo o mundo escribindo, non sei quen o dicía. Ler e escribir son desas cousas que non se poden facer á vez, no sentido de simultaneamente, e por iso pasa. Os que escribían cando se lía, senencambio, escriben cada vez menos, basicamente porque están morrendo todos, outra desas actividades incompatibles de antigo coa escritura. Morren a modo e respectando as quendas, non digo que morran atropeladamente, pero morren sen remisión. Teñen mortes totais. Poñen tristes aos tigres, como Guillermo Cabrera Infante hai sete anos. Sete e algún mes máis.

Antes de ser puro fume, mais fume enhabanado, unha semana antes, Cabrera Infante informou de que sairía un momento, moi contra a súa vontade: “Xa está aí o asasino do tempo”. Estivo moi Borges, Cabrera, nese apuro que é sempre a palabra final. Moi reloxo de Borges, xa saben, que advertía: Todas firen; a última mata. Moi Cortázar, tamén, que escribía contos terroríficos sobre viaxantes de comercio ós que lles empeza a doer o pulso esquerdo, xusto debaixo do reloxo, e arrincan o reloxo e salta sangue: o que mana das marcas duns dentes moi finísimos.

Xa estaba aí o asasino do tempo, efectivamente. Pódese ser máis claro, pero non máis lúcido. Ou se pode ser máis claro pero igual de lúcido, como o actor Luis Cuenca, que dixo, din, de malísima gana, no transo final: “Ímonos á merda”, e alá foi. Pódese ser, tamén, gracioso se se quere, como quixo Tomás Moro ao pé da escaleira que o levaba ao patíbulo: “Axúdame a subir, fillo, que para baixar xa me apaño só”. Incluso sen querer, pódese ser gracioso: Conrad Hilton, fundador da cadea hoteleira dese nome, investiu as últimas palabras en lembrarlles aos empregados que a cortina da ducha hai que poñela polo lado de dentro da bañeira, tarugos, por motivos obvios.

O que non se pode cando se vai morrer, cando se ten pensado, é poñerse estupendo. Nada de ¡luz, máis luz!, que pedía Goethe, salvo que sexa para reter máis tempo as caras coñecidas. Se non se lles ocorre algunha cousa mellor, non se preocupen máis e expiren sen rodeos. Miren Cabrera Infante: dixo a frase boa, e agardou. Calado. Ata o final.

Quédame a dúbida de cándo deixou os puros, o cubano. De se pesaba o fume. De ata onde chegaban as súas ganas de fumar. Por exemplo: durante a invasión alemá de Rusia na Segunda Guerra Mundial, o crítico e filósofo literario M. M. Bakhtin fumou a única copia dun dos seus manuscritos, un estudo sobre a literatura alemá que tiña xa a extensión dun libro e que lle levara anos escribir. Unha por unha, foi collendo as páxinas do manuscrito e utilizando o papel para lear pitillos. Cada día fumaba un pouco máis da súa obra, ata que da súa obra non quedou nada. Cinza. Puro fume.

Ademais de contar historias deste tipo, hai tempo que Paul Auster vai dicindo por aí cómo se pesa o fume: chega con calcular a diferenza entre o peso dun cigarro intacto e os pesos sumados da cabicha e as cinzas que deixa ese cigarro despois de fumalo ben. Non sei se Cabrera Infante cría nesta fórmula, xa digo, pero eu si. Por iso animaría a algún Bakhtin que quede por aí a lear cando poida, por exemplo, Tres Tristes Tigres de pitillos, a pesar o seu fume, a informarnos do dato. Ese vai ser o peso, intúo, da literatura: pesará como o fume, se puro fume é.

 

2 Comments

  1. Cuánta razón hay en sus palabras. Pero escribir es llorar, siempre lo ha sido. Y los diplomas de genio, o no existen, o no corresponden a genialidad
    alguna. Por cada tres millones de ciudadanos hay uno que vive de la escritura, los demás son simples aficionados entre los que me incluyo. Un saludo.

    • Hai moitos máis que viven da escritura, amigo Cadalso (sen contar rexistradores da propiedade). Se non, lerían, que é o que faría eu en posesión de diñeiro, un pouco como Azcona, quen, en posesión de diñeiro, xuraba que non escribiría nin telegramas. Aí ten vostede un sabio.

Deja un comentario

Required fields are marked *.

*


*