O medo libre e o medo vacilón

| 0 comments

Hai un conto terrorífico e breve de Fredric Brown que lles podo citar case textualmente, se queren: O último home sobre a Terra está sentado a soas (a redundancia é de Brown) nunha habitación; petan na porta… O conto asusta, xa digo que si, pero desculpen que o mellore: O último home sobre a Terra está sentado a soas (desta a redundancia é miña) nunha habitación; non petan na porta; ninguén; nada; nunca; xamais… O conto xa non asusta. Acollona. Sería o efecto do propio texto de Brown se lle quitamos o suspense: O último home sobre a terra está sentado a soas nunha habitación. Que máis pánico queren? Ou se, ademais de quitarlle o suspense, deixámolo na metade e concretamos: Hai un último home (ou muller, claro, todo o tempo) sobre a Terra: ti. Ahhh! Non?

As noticias sobre os efectos do cambio climático son un pouco como o conto de Brown: dar, dan medo por si mesmas, coa súa estupendez, co seu apocalipse, pero cando de verdade poñen os pelos de galiña, a pel de punta, é cando nos tocan esas cousas pequenas que non cantou Serrat, que non cantou ninguén, que tampouco fai falta, Tontxu, non amoles. Por exemplo: non lle digan ao mundo que o nivel do mar vai subir medio metro; díganlle que non vai quedar sitio nas praias para os chiringuitos. Por exemplo tamén: non ameacen con agostos de cincuenta graos; ameacen con agostos de cincuenta días e todos laborables, se non polo quentamento global do planeta, si, digamos, por un quentón fatal do cerebro de Murrieta, sendo o tal Murrieta, para o caso, Montoro, que non rima con nada. E todo así. O que quero dicir é que unha especie, por lista que saia, non teme a extinción. Nin a imaxina. É cada individuo desa tal especie o que teme polo propio cu. Non é efectivo dicirlle a ninguén que neste plan se nos acaba o mundo, senón dicirlle, a douscentos por hora, que detrás da curva o que remata é a autoestrada. Eu digo que frea.

Noutras palabras: o medo, que é libre, tamén é vacilón, e dálle a cada cal onde lle peta. Wilkie Collins, o inventor da novela de detectives, tíñalle tanto pánico a que o enterrasen vivo que levaba sempre con el unha nota na que lle pedía a calquera que o atopase inconsciente, sen pulso, sen respiración ou sen cabeza que, dado que as aparencias enganan con certa asiduidade, fixese o favor de consultar cun médico, por favor. Freud, tan listo para outras cousas (ninguén cobraba antes del por sentarse a escoitar as desgrazas de outro, que ademais de sufrilas é quen fai o traballo), tíñalle medo ao tren. E o meu lector, xa saben, o que teño, treme moito coas pelis xaponesas, non sei se polas pelis, que algo de susto dan, ou polo feito mesmo de velas en calzóns, un detalle menor, non vou negalo, se cerrase, o tío, as ventás, nos invernos fríos.

Direilles o que é dar medo: trala representación de A pata de mono, de W. W. Jacobs, un espectador marchaba indignado porque a horrible pantasma que aparecía na obra era un atentado ao bo gusto e, na súa opinión, o autor non debeu mostrala, senón deixar que o público a imaxinase. Ocorre, claro, que durante a representación non saíra a escena pantasma ningunha.

 

Deja un comentario

Required fields are marked *.

*


*