Fragmentos de Apocalipse (9)

| 0 comments

Non aclaraba se o dato era seu, pero dicía Michael Crichton, o de Parque Xurásico, falo de antes de que morrese, como é obvio, que o peso de todas as formigas bravas do mundo é igual ao de todos os seres humanos. Sen discutir a utilidade de semellante información para que a existencia de un teña certo sentido, planeo perder dez quilos nos próximos meses coa única fin de provocar o suicidio duns cantos millóns de formigas bravas, que dalgunha maneira terán que compensar a variación no peso de todos os seres humanos do mundo, entre os que entendo que me debo incluír, se queren seguir pesando igual ca nós. Verán qué risas.

Diógenes dicía que para morrer basta con cerrar a boca, pero era consciente de que mantela aberta tampouco dá moitas garantías de nada: matouno unha indixestión de polbo, aínda que hai versións.

Segundo un vello manuscrito conservado na cidade suíza de Brugg, se vostede tivese a sorte de atopar un exemplar florecido da orquídea Cypripedium calceolus casaría en breve cunha muller excepcionalmente fermosa, sempre e cando non tivese o mal gusto de preguntar a continuación que carallo fai coa muller que xa ten. Nese caso, aventuro, acabaría vostede convertido en ra.

Unha canción, di Sabina que dixo alguén, é unha boa letra, unha boa música, unha boa interpretación, e algo máis que ninguén sabe o que é, pero que é o único que importa. O mesmo pasa coa literatura, e por iso a idea está tamén en Borges: un troglodita berra, e non sucede nada, pero berra outro, e ese segundo berro si que lles afecta, e moito, aos demais. ¿Por que? Ah. Pero aí está a explicación, amabilísima, de que o columnista de El País sexa Millás, e non, por exemplo, eu, para non ir máis lonxe.

Ademais da mítica Un limón y medio limón, que en realidade se chamaba Danza de los 40 limones, Juan Antonio Canta escribiu, en castelán, que é onde está o xogo de palabras, que o importante non é “ganar o perder, sino no perder las ganas”. Ocorre que logo perdeu as súas e acabou consigo mesmo, que xa saben que é a forma máis educada de apocalipse, porque pos fin ao mundo tal e como ti o coñeces, pero non tal e como o coñece ninguén máis. Iso é sempre de agradecer, incluso desde a tristeza.

 

Deja un comentario

Required fields are marked *.

*


*