As cebras son negras con raias brancas. Poderían ser brancas con raias negras e o resultado variaría pouco, a verdade: seguirían parecendo ponis como de Alcatraz, se os presos en Alcatraz vestisen a raias algunha vez, que eu creo que nunca. Pero é que as cebras son negras con raias brancas e isto, que parece un coñecemento inútil dunha posible Enciclopedia Roberta de Coñecementos Inútiles, e de aí o nome da enciclopedia, naturalmente, é exactamente iso, un coñecemento inútil, valla a tridundancia, porque a quén lle importa de que color pode ser unha cebra, un pínfano, un cempés. Pois a alguén. Sempre hai alguén a quen lle importa algo, por absurdo que sexa. Non chegamos ata aquí a golpe de exame de trigonometría, dígollelo eu. Chegamos ata aquí a golpe de preguntas parvas. ¿As cebras son brancas ou negras? ¿Por que as vacas soben escaleiras, pero non as baixan? ¿Que pasa se salto desta árbore e me poño de pé?
As cousas acaban tendo máis sentido do que parece. Por exemplo: cada ano, desde 1991, un comité internacional coordinado pola dirección da revista de humor científico Annals of Improbable Research, e avalado pola Universidade de Harvard, fai entrega dos chamados premios IG Nobel, xa os coñecerán, parodia dos nóbeles auténticos destinada en principio a botar unhas risas a costa de canta investigación sesudísima e absurda gasta sen vergonza os sufridos cartos do contribuínte. E vale, ás veces soamente hai risas: o IG Nobel de Entomoloxía de 1997, por poñer só un exemplo, foi para Mark Hostetler, da Universidade de Florida, polo seu libro académico Esa porcallada no teu coche, no que informaba sobre cómo identificar os diferentes tipos de insectos que se estampan contra o parabrisas a través da simple observación dos restos que deixan no cristal. Ás veces soamente hai risas, digo, dicía, e ás veces non: Seven Stack gañou o IG Nobel de Medicina 2004, por poñer só dous exemplos, demostrando con cifras de moita solidez o efecto multiplicador da música country nas taxas de suicidio (sobre a influencia da de Bertín Osborne nesas mesmas taxas non hai datos, aínda, que se saiba).
En serio, a ver se me sae: as respostas poden ser equivocadas, pero as preguntas non. Sempre levan a algures. Outra cousa é querer ir. Por exemplo: ¿por que o cuacuá dos parrulos non fai eco? Por exemplo: ¿por que son zurdos os osos polares? Por exemplo: ¿por que hai zurdos? Por exemplo: ¿por que hai osos polares? E a gran pregunta, se cadra a máis difícil que un se pode facer con quince anos, tres meses, catro días (despois de preguntarse polo número de soldados mortos durante a Gran Guerra, sen contar obxectores de conciencia, pregunta difícil de carallo, tamén): se todos os homes son iguais, que o son, ¿por que as mulleres escollen tanto?
Eu preguntas destas que parecen parvas, pero que logo resulta que o son, procuro facerme poucas, quérolles ser sincero, porque me pasa como a Forrest Gump: atopo metáforas baratas da vida ata nunha caixa de bombóns. Se a min se me pregunta, supoña quen queira un supoñer, o que preguntei antes, que por que unha vaca sobe unha escaleira, pero logo non a baixa, axiña penso que por que vai ser. Polo mesmo ca min, seguramente. Porque abaixo xa sabe o que hai.
Teño outra mellor. Outra metáfora barata da vida. Está no envase, que sería a vida, dun tiramisú, que sería vostede, ou que sería eu, se a vostede lle gustase máis o flan. A marca non a digo, pero na base do envoltorio, en letra de imprentísima, lese, ou líase, canto fará que non como eu un tiramisú: non voltear o envase.
A boas horas.






