Escribía Lorenzo Silva con moita convicción en A fraqueza do bolchevique, cousa que envexo un pouco (a convicción, pero tamén ter escrito A fraqueza do bolchevique, por boa, por gordecha, por existente), que cando a felicidade é demasiado grande, cando a un lle curan unha ferida demasiado fea, cando todo é demasiado bonito, pero bonito bonito ata o tremor, só hai un presentimento que unha persoa sensata pode ter, ao mellor xa o contei media ducia de veces: algo está a piques de escarallarse. Isto, que pode parecer o que se di pesimismo, é en realidade coñecemento profundo dos mecanismos compositivos da música do azar, que afina, cando afina, apenas un segundo e vai con outro, pero que cando desentoa faino con calma, con detalle, con minuciosa dedicación, como se fose quedar a vivir para sempre. Claro que é unha opinión. Hai máis.
A de Paul Auster, por exemplo. Paul Auster tenlle fe, máis que medo, á música que digo, e por iso púxolle tan eufónico nome a unha novela, para que a música do azar teña unha letra e nos pareza así, por fin, unha canción con algo de sentido. Non sei se hai que dicir, por case perogrúllico, que o de Auster é o intelixente: levarse ben co azar, para que non nos sexa nunca desapiadado.
Este escritor de Brooklyn que nin sequera naceu en Brooklyn, como case todos os escritores bos de todas partes, conta moito cómo foi que se fixo tal cousa, escritor, que dito así pode parecer moi estupendo, pero que consiste, basicamente, en escribir, e xa está. Conta Auster que sendo un neno tivo un día ante si ao seu ídolo deportivo, un xogador de béisbol, e que este xogador de béisbol non lle puido asinar un autógrafo porque el, o neno que era Paul Auster aquel día, non levaba enriba un triste lapis, nin un triste papel. Desde entón, o neno que Paul Auster xa non é saíu sempre da casa coas dúas cousas, papel e lapis, e por iso ata hoxe, porque cando un leva no peto un lapis, cando un leva no peto un cacho de papel, máis antes que despois ponse a escribir.
Algo parecido di Benjamín Prado, escritor madrileño si nacido en Madrid, pero por amolar, unicamente, por estragarme a min a tese que lles contaba arriba sobre a orixe dos escritores bos, que son de onde escriben, que nacen onde poden, que etecé. Di Benjamín Prado que se a vida e o azar poñen na túa man unha pluma estilográfica, ti colles, vas, e escribes. Se che poñen, na man, unha pistola, pois disparas. E se che poñen unhas carabelas, como fixeron un día con Colón, descobres ti soíño un continente.
Ocorre que eu non creo que o azar tivese nada que ver coa historia de Colón. Eu creo que Colón era un indio balsero que veu coñecer Europa, e que cando cansou buscou pacientemente a maneira de que lle financiasen un regreso cómodo: o que para os Pinzón foi descubrir América, para Colón era volver á casa.
Un pouco como para os cabalos, xa saberán: non había cabalos en América cando chegou Colón, pero os fósiles xuran que empezaron alí. Foi outra vez o azar, que diría Auster: a especie primixenia cruzou camiño de Asia polo entón xeado estreito de Bering tempo antes de que o fixeramos nós no sentido contrario, e non parou de multiplicarse ata dar na diana do cabalo actual, que xa non puido recruzar outra vez polo mesmo estreito unha vez desxeado. Como sexa que os precabalos que quedaron en América se extinguiron nun atchís, os cabalos xa cabalos que chegaron con Colón tamén volvían, como Colón, á casa, no caso dos cabalos porque o di a paleontoloxía, no caso de Colón porque o conto mellora, non mo irán negar.
En canto ás estrelas, e plaxiando un pouco a Joseph Brodsky, digamos que elas sempre están aí.
(A foto, baixo licenza Creative Commons, é de Sergio Tudela)






