Prepárate a morrer

| 0 comments

Hai un personaxe de Benjamín Prado, o escritor, que é moi feliz facendo o seu traballo, sen que a novela que protagoniza sexa, de entrada, de ciencia ficción. Se obviamos a incongruencia e admitimos que hai xente para todo, podemos chegar a concluír que o traballo deste tipo do que falo está moi ben: escribir cada día un texto de vinte liñas sobre un escritor de calquera época e nacionalidade morto en calquera circunstancia en tal data como aquela na que resulte que se está. Escribir, por exemplo, o 3 de xuño: “Hoxe, 3 de xuño, hai oitenta e oito anos que morreu no Sanatorio de Kierling, preto de Viena, o escritor checo en lingua alemá Frank Kafka, e aínda non vin que ninguén sacase un dos seus libros de debaixo da pata do armario e lle botase unha ollada silenciosa e lectora como unha oración sen deuses, polo que empezarei por facelo eu, se me desculpan”.  Ou ben, exemplo novo: “Hoxe, 20 de novembro, haberá quen celebre, o normal sería conmemorar, o centésimo segundo aniversario da morte de León Tolstoi, que morreu en tan mal día como hoxe involuntariamente, morrer e en día feo, entendo que as dúas cousas,  se nunha necrolóxica pode un opinar”. E todo así.

Debo dicir que a este personaxe de Benjamín Prado non lle pagan moito por facer o que conto, co que aquí a novela deixa de ser incongruente como novela de non ciencia ficción, e aínda que traballa contento, co que volve a poñerse inverosímil, a novela, o tipo vai facéndose amodiño  todo un camposanto de palabras vivas para poetas mortos e sen club. Cando lle preguntan en qué gasta as horas que lle pagan, contesta, moi serio, moi crecido, moi azul: son desenterrador. E a min este é un oficio que me parece ben, que era onde viña querendo chegar. A min este é un oficio, incluso, que me cadra.

Di o meu lector, o que teño, que falo moito e moi constantemente de mortos por estas coleccións, e creo que é verdade. Tamén sería bo que me entendesen: por máis que intentase o contrario non me sairía, porque o contrario de falar de mortos non é falar de vivos, senón que sexan os mortos os que falen dun. Pero o caso é que non sei por que o fago, falar tanto de mortos, aínda que me habilite para oficios que me cadran, como este anotado de desenterrador. No fondo eu nestes temas son moi de Woody Allen: non é que teña medo a morrer, é que non quero estar aquí cando iso ocorra. Iso no fondo. Na forma, en cambio, tamén: a morte é das poucas cousas que un perpetra, se quere, comodísimamente sentadérrimo, quieto, estomballado, e este é un aspecto positivo que é torpe desdeñar. En fin, que quero probar cun desenterramento, a ver como me sae, e non sei a quen lle debo eu tanta explicación.

Escribir, por exemplo: o outro día morreu, que o lin eu no País, Bob Anderson, coreógrafo de esgrima de A princesa prometida, esa marabilla de Bob Reiner na que se di a frase, bendita sexa, que lle dá sentido a isto de ver e escribir películas, ou que mo dá, polo menos, a min: “Hola. Me llamo Íñigo Montoya. Tú mataste a mi padre. Prepárate a morir”.

E nin Von Trier, nin nada.

 

Deja un comentario

Required fields are marked *.

*


*