Aquel combate mítico entre Foreman e Alí baixo o ceo de sangue de Kinshasa foi un pequeno chiste, perdoen que lles opine, comparado con segundo que. Case un século antes, en 1893 e en Nova Orleans, unha cidade que disimulaba, pero que xa tiña o jazz na punta do sexo, do saxo, da lingua, dous tipos chamados Andy Bowen e Jack Burke boxearon durante 7 horas e 19 minutos, 110 longuísimos asaltos, e non perdeu ninguén. O combate foi nulo por esgotamento, intúo que non só dos púxiles, e o inventor deste xogo de pegarse bailando entendeu por fin que estaría estupendo limitar o número de asaltos e dar por gañador, se ninguén tiña a cortesía de caer antes inconsciente, a quen máis e mellor e máis bonito pegase no tempo estipulado, porque se hai algo peor que boxear durante 7 horas e 19 minutos e perder é boxear durante 7 horas e 19 minutos e tampouco gañar, nin empatar, nin nada. Un combate nulo é como fracasar sen que a ninguén lle importe, e iso non é fracasar: iso é unha merda.
Ocorre que aquel día en Nova Orleans si que houbo un perdedor, e foi Andy Bowen, que morrería un ano despois doutra paliza, esta vez de George Kid Lavigne, a causa dos golpes. A miña tese é que non foi Lavigne quen matou a Bowen, senón Jack Burke, un ano antes, nun combate nulo que non gañou ninguén. Foi o crime perfecto, se cadra involuntario: ti matas ao tipo, pero cando morre xa non estás alí, estás a máis dun ano, unha distancia enorme, porque o tempo é máis longo que a escala dos mapas, moito máis que o amor, algo menos que o esquecemento, e ninguén espera que volvas ata tan lonxe para matar a ninguén.
Hai unha peli, Morto ao chegar, que xoga con isto: o propio morto busca ao asasino que o mata, despois de que o mate, claro, pero antes, obviamente, de morrer. Pode parecer imposible, pero non é nin complicado: é só que entre que matan a Dennis Quaid e Dennis Quaid morre pasa un tempiño, porque non todo o mundo morre en canto o matan, hainos que se resisten, con razón, e hainos que non, que non se resisten nada, tamén con bo criterio, porque resistirse non é obrigatorio, faltaría máis, recorden a Epicteto, recordando sempre o esencial: que esa porta está aberta.
Pero falaba de mortes diferidas, e aquí é Ray Loriga quen ten a gran historia. Eu admiro moito a Ray Loriga, non sei se dicilo, maiormente cando escribe. Cando deixa marchar a Christina Rosenvinge xa o admiro menos, pero non é este o tema. O tema é que Ray Loriga titula con grandeza, Lo peor de todo é o título total, e escribe con paixón, que é o que nos salva aos que escribimos de ser uns profesionais da escritura cando nos convertemos nuns profesionais da escritura, eu creo que se me entende.
Vou coa historia de Ray Loriga, por se non: un tipo morre de vello e de paro cardíaco, pero a autopsia atopa unha bala antiga preto do corazón e determina que foi ela, a bala, a que o matou. O que era unha morte natural é, pois, un asasinato, cometido corenta anos antes pola mesma muller que colle a man do tipo moi amorosamente mentres o tipo morre, tan amorosamente como apertou o gatillo no seu día para matalo ben, con pouco éxito, e por iso os dous acabaron casando, o que non sorprende, cada un có outro, o que si. Loriga deixa a muller namorada, asasina, perdoada e anciá pendente de xuízo e promete un final, pero o final é este: o pasado é un plasta que volve todo o tempo, o pasado non pasa mentres pode amolar.
¿Ou non o ven aí, partíndose o peito de todos nós?







30 de enero de 2012 at 20:43
A golpes por la vida no es manera de ir. En mi opionión, el boxeo es un deporte de marineros borrachos y descargadores de muelles con sueños millonarios.
2 de febrero de 2012 at 23:37
E de cabaleiros, tamén. Polo menos mázanse dun en un.