Entre 1943 e 1953, Françoise Gilot conviviu con Picasso e tivo dous fillos con el. Cansada dos desplantes do xenio, a quen algunha foto, e Francisco Umbral en Las señoritas de Aviñón, o recollen pintando en calzóns, como quen vén de afeitarse cun pincel, abandonouno antes de que a volvese tola, como a Dora Maar, ou cúbica, como a Dora Maar nos retratos de Dora Maar. “Cría que era Deus”, díxolle o outro día Gilot, que aínda vive, ou que aínda vivía o outro día, en setembro, en realidade, a Janet Hawley no Magazine do Mundo. “Cría que era Deus”, dixo, referíndose a Picasso, “pero non o era. E iso amoláballe moitísimo”. Home. Como dicía Woody Allen en Manhattan, só que falando del, a alguén tiña que tomar, Picasso, por modelo.
Claro que o outro día El Sevilla, o cantante (chámao cantante, chámao manillar de bicicleta, que diría, agora, Roberto Vilar), dixo tamén no Magazine do Mundo, ao mellor non foi o mesmo día, que o último que faría el na vida é ir ver unha película de Woody Allen, porque o caca, cu, peido, pis máis groseiro faille máis graza que Woody Allen. Pobre. Xa está vendo un a Woody Allen chorando polos currunchos de Nova York.
Claro que El Sevilla, o cantante (chámao cantante, chámao etcétera), ten unha canción na que di, a grandes liñas, que xa non se ve a pisha, e da que aínda non se extraeron todas as lecturas. Un pouco o que pasa co Je t’aime de Gainsbourg e Birkin.
Claro que non é fácil estar ao que se está canto te aman en francés.
Claro que.
(Ilustra a entrada a foto que Robert Capa lles fixo a Picasso e Gilot en 1948)







30 de enero de 2012 at 20:38
Aunque a los malagueños no les gusta que se diga, como persona Picasso era un toca pelotas.
2 de febrero de 2012 at 23:38
Para compensar os moitos toca pelotas que non son Picasso.