19 de mayo de 2012
por Roberto G. Méndez
0 comentarios

Fragmentos de Apocalipse (9)

Non aclaraba se o dato era seu, pero dicía Michael Crichton, o de Parque Xurásico, falo de antes de que morrese, como é obvio, que o peso de todas as formigas bravas do mundo é igual ao de todos os seres humanos. Sen discutir a utilidade de semellante información para que a existencia de un teña certo sentido, planeo perder dez quilos nos próximos meses coa única fin de provocar o suicidio duns cantos millóns de formigas bravas, que dalgunha maneira terán que compensar a variación no peso de todos os seres humanos do mundo, entre os que entendo que me debo incluír, se queren seguir pesando igual ca nós. Verán qué risas.

Diógenes dicía que para morrer basta con cerrar a boca, pero era consciente de que mantela aberta tampouco dá moitas garantías de nada: matouno unha indixestión de polbo, aínda que hai versións.

Segundo un vello manuscrito conservado na cidade suíza de Brugg, se vostede tivese a sorte de atopar un exemplar florecido da orquídea Cypripedium calceolus casaría en breve cunha muller excepcionalmente fermosa, sempre e cando non tivese o mal gusto de preguntar a continuación que carallo fai coa muller que xa ten. Nese caso, aventuro, acabaría vostede convertido en ra.

Unha canción, di Sabina que dixo alguén, é unha boa letra, unha boa música, unha boa interpretación, e algo máis que ninguén sabe o que é, pero que é o único que importa. O mesmo pasa coa literatura, e por iso a idea está tamén en Borges: un troglodita berra, e non sucede nada, pero berra outro, e ese segundo berro si que lles afecta, e moito, aos demais. ¿Por que? Ah. Pero aí está a explicación, amabilísima, de que o columnista de El País sexa Millás, e non, por exemplo, eu, para non ir máis lonxe.

Ademais da mítica Un limón y medio limón, que en realidade se chamaba Danza de los 40 limones, Juan Antonio Canta escribiu, en castelán, que é onde está o xogo de palabras, que o importante non é “ganar o perder, sino no perder las ganas”. Ocorre que logo perdeu as súas e acabou consigo mesmo, que xa saben que é a forma máis educada de apocalipse, porque pos fin ao mundo tal e como ti o coñeces, pero non tal e como o coñece ninguén máis. Iso é sempre de agradecer, incluso desde a tristeza.

 

7 de mayo de 2012
por Roberto G. Méndez
1 Comentario

Todo ten unha explicación

Todas as cousas veñen tendo unha explicación, xa saben, salvo o gol que fallou Julio Salinas no Mundial do 94, que nin ten explicación, nin perdón, nin nada. Por exemplo: odiamos ás cascudas porque xa estaban aquí cando chegamos e porque seguirán despois de que marchemos, e porque ademais vailles importar unha merda quedar soas. Non ten nada que ver co seu aspecto, o noso odio. Ten que ver coa súa resistencia. Vostede a unha cascuda arríncalle a cabeza e a tía sobrevive nove días. Logo morre de fame. Morre, pois, por falta de boca, non por falta de cabeza. Digamos que unha cascuda mutante coa boca no lombo sería case inmortal, e iso rebáixanos moito como especie de especie. E que non nos colla con gripe, a comparación.

Tampouco é fácil quererlles a uns bechos que foxen espavorecidos en canto se acende unha luz. Na vida, xa o dicía miña avoa boa, hai que ser máis sociable, nen. Tamén dicía que na vida hai que ser máis vivo, ollo ao xogo de palabras, pero entón pensaba máis en min que nas cascudas: teñan en conta que miña avoa boa era quen de distinguirnos. En canto ás cascudas, todos teriamos delas outro concepto xeral se en vez de fuxir cando chegamos se lanzasen sobre nós a lambernos os pés movendo as antenas, se nos trouxesen o xornal na boca, se lle ladrasen ó carteiro comercial. Claro que entón serían, máis aló de cascudas, cans, e é ben sabido que os cans teñen moita mellor prensa, pero intelixencia máis escasa: ninguén conseguiu nunca, ou non quedou constancia, atar seis cascudas a un trineo e que tirasen del.

Pero falaba de que hai unha explicación para todas as cousas. Edison inventou a lámpada porque lle tiña medo a escuridade, non por filantropía: de aí o tesón. Un abellón non sabe que a superficie de sustentación das súas ás é moi pequena para tanto corpo nin que o seu perfil aerodinámico incumpre tódolos teoremas sobre a posibilidade do voo: por iso voa, porque ninguén lle dixo aínda que non pode. Ponse prezo á sanidade, como di Millás, que le as comparecencias de Ana Mato coma ninguén, para que continúe sendo gratuíta, e expúlsase dela a certos colectivos para que siga sendo universal, que é algo parecido a dicir que para garantir o pleno emprego hai que despedir a todo o mundo, cousa que tamén está pasando. E todo así.

Quérese dicir que vivimos tempos nos que hai máis dunha cousa que se explica, creo, co mesmo chiste. É aquel que conta cómo os científicos de Antiga de Arriba atoparon, a 50 metros baixo terra, pequenos restos de cobre, do que deduciron, tras coidadoso estudio, que os vellos altoantigueses xa tiñan rede telefónica 2.500 anos atrás. Isto non era nada para os de Antiga de Abaixo, naturalmente: os seus científicos non tiveron que escavar nin 100 metros para atopar pequenas partículas de cristal, restos, dixeron, do sistema de fibra óptica que comunicaba ós baixoantigueses había 3.500 anos. En Antiga do Medio, por último e claro que, non se deixaron impresionar: baixaron 150 metros e non atoparon nada, proba irrefutable de que os medioantigueses levaban máis de 5.000 anos falando polo móbil.

Soamente unha cousa máis, do Diccionario do Demo de Ambrose Bierce, para unha Enciclopedia Roberta de Coñecementos Inútiles: un prosma, un latas, un impertinente, é quen fala cando desexamos que escoite. Isto tamén explicaría algún que outro despregue absurdo e descomunal de antidisturbios.

 

30 de abril de 2012
por Roberto G. Méndez
0 comentarios

Fragmentos de Apocalipse (8)

O que será a fame, que os crocodilos de Nova Guinea aprenderon a imitar o ladrido dos cans para convidalos, como prato, ás súas merendas. Agora póñalle valados ao Sur, se quere.

Se por onde pisaba o cabalo de Atila non medraba máis a herba, non parece xusto que a frase recorde a Atila pero nin sequera cite o nome do cabalo, que se chamaba Othar e que seguro que morreu pensando no distinta que sería a Historia se a escribisen os équidos. Para empezar, nas estatuas ecuestres o cabalo posaría enriba.

Falando de cabalos: é moi hixiénico mentalmente enfrontarse a algunha prensa, e á vida, por extensión, escudados no proverbio inglés que guía os pasos do comisario Raskalnikov por Crime e castigo: nin cen coellos fan un cabalo, nin cen conxecturas unha evidencia.

Hai cálculos que indican que o cerebro dunha persoa adulta e sa pode almacenar ata cincocentas veces a información contida na Enciclopedia Británica. O que pasa é o mesmo que pasa coa propia Enciclopedia: logo toda esa información nunca se consulta, así que para qué.

 

23 de abril de 2012
por Roberto G. Méndez
2 Comentarios

Aquí chórase sen molestar

Pasa que estiven pensando, outra vez, en pertinaz reincidencia, e pensando pensei que escribir nas paredes dos sitios pode que estea feo, pero é unha maneira estupenda de fixar lectores. Isto Martín, un fillo, que teño, descubriuno axiña sen necesidade de pensar nin nada, o que probaría, por unha banda, a inutilidade destas prácticas complicadas e antigas (pensar, etcétera) e, por outra, a capacidade dalgúns (Martín, por exemplo) para comunicarse en calquera contexto e toda circunstancia, incluso polas bravas, cando é mester, ou preferentemente.

Quero dicir que, desde moi pequeno, en canto detectaba algunha indiferenza para cos seus debuxos en papel, todos moi grandes, moi policromados, moi así, Martín envorcaba todo ese talento nas paredes longuísimas do corredor, non por tocar as pelotas con aleivosía, que tamén, senón para garantirse espectadores, debo dicir que con notable éxito. Co tempo Martín aprendeu a escribir e as súas mensaxes tiñan máis carga política que antes (Morra a coliflor, Marsupilami presidente), pero seguía tendo, o tío, máis lectores ca min, que era ao que ía.

E é que as paredes limpas locen limpas, pero non din nada, como di a última parede que vin sucia. Teñen outras virtudes, pero nunca explicarán o mundo (Esta vida é unha barca: Calderón de la Mierda), nunca inventarán a Física (A gravidade non existe: é a terra, que te chupa), nunca falarán de min (Cada vez que me piden un currículum vitae, arrepíntome de todo).

Unha parede limpa, ou sexa, non é quen de fundar outro monoteísmo (Vero é Deus), nin de recibir o Papa en Bos Aires (Basta xa de intermediarios: que veña o Xefe), nin de esperar a Sole ata o final (Sole, vou deter as mañás ata que volvas): como moito, garda silencio, unha parede limpa, pero a quén non lle interesa mellorar (Que lle importa á vella que a filla me queira?).

Os bisontes de Altamira eran graffitis, non o dubiden. Viñan dicir que a cea estaba fóra, pero que tiña patas e había que perseguila. Logo chegaría a escritura e as mensaxes máis elaboradas, e destas xa non temos evidencias, pero eu ben que as podo imaxinar, o mesmo que vostedes, se nos poñemos. Por exemplo: Isto dos bisontes está ben, pero qué ganas de inventar a tele. E seguro que todo así.

O que digo é que hai un bar en México con nome de pintada boa (Aquí chórase sen molestar) e que hai camións que levan os graffitis postos (Qué me farían os teus ollos), pero que iso tampouco nos garante nada. Vén en Sánchez Ferlosio, máis ou menos así: “Estamos en perfectas condicións de adiviñar literalmente, sen medo a equivocarnos, o que porá na última pintada da última parede que quede en pé en toda a historia da especie humana: qué vergonza”.

Non é un bo epitafio para unha especie, convirán comigo. Compáreno, por exemplo, con este outro inscrito na tumba dun militar inglés en Pakistán: “Aquí xace o capitán Ernest Bloomfield, morto por un disparo accidental do seu asistente, o 2 de marzo de 1879. Bo traballo, nobre e leal servidor”.  Isto si é extinguirse cun par.

 

16 de abril de 2012
por Roberto G. Méndez
0 comentarios

Fragmentos de Apocalipse (7)

En certa ocasión, conta Gregorio Doval no Libro dos feitos insólitos, a Casa da Moeda estadounidense puxo en circulación unha serie de moedas nas que se podía ler In Gold We Trust, é dicir, confiamos no ouro, no lugar do lema correcto e coñecido In God We Trust, en Deus confiamos, como se non distinguisen totalmente, eles tampouco, unha cousa da outra, extremo mil veces desmentido: non distinguen unha cousa da outra en absoluto, sempre no suposto, naturalmente, de que unha cousa e a outra sexan dúas.

En caso de dúbida,  as frases son sempre de Oscar Wilde: o amigo de verdade apuñala de fronte.

O prestamista e senador romano Marco Licinio Craso, morto no 53 antes de Cristo, organizou o primeiro servizo contra o lume de Roma, así como unha brigada de incendiarios que lle procurase actividade e negocio. Quérese dicir que a estas alturas é complicadísimo cometer un pecado orixinal. Quérese dicir tamén que os bosques preceden ás civilizacións e os desertos as seguen, pero pasa que isto xa o dixo Chateaubriand, así que nada.

Os Lumière estaban convencidos de que a parvada que acababan de inventar, o cinematógrafo, non tiña o máis mínimo futuro comercial. O químico Lavoisier comentou algunha vez, moi oufano, que non podían caer pedras do ceo porque no ceo non hai pedras. Charles Chaplin presentouse a un concurso de imitadores de Charlot en Montecarlo e quedou terceiro. ¿Vai vostede sufrir porque queima as tortillas?

Polo demais, é boísimo recordar de cando en vez, con John H. Holmes, que toda a poboación do universo, cunha insignificante excepción, está composta polos outros.

 

9 de abril de 2012
por Roberto G. Méndez
2 Comentarios

Despois de Auschwitz

Recordo que durante 2003, e recórdoo porque o estou mirando, se non de que, cincuenta e seis españois, que se saiba, intentaron facerse os mortos para cobrar os seguros previamente subscritos por eles mesmos ao seu favor. Digo que se saiba porque a estes cincuenta e seis foi aos que pillaron, pero algún o conseguiría. O malo de facerse o morto é que te acaban descubrindo antes ou despois, salvo que deixes de respirar, e nese caso xa non estarías estafando a ninguén, senón cobrando o teu seguro con todo merecemento e sen ningunha posibilidade de gastalo, co que para que. Pero ese non é o tema. O tema é que hai xente que se fai a morta en accidente de tráfico, ás veces con traballada saída de vía, que se di agora das voltas de campá, e falsifica atestados e autopsias e certificados de defunción para cobrar cincocentos ou seiscentos euros brutos e brutais de nada. Nin sequera é que morrer estea ás veces a un prezo absurdo, pois, que o está: é que esta xente, por vivir, debe de cobrar aínda menos, porque se non de que, se a pena poden ser seis anos de cadea.

Uns anos despois, como por 2006, eu anótoo todo, atoparon vivo nunha cova de Francia a un home de corenta e oito anos que se perdera nela trinta e catro días antes. O tipo, Jean-Luc Josuat, pesaba dezaoito quilos menos cando o sacaron, froito dunha dieta rica en arxila, madeira e auga, que era todo, e foi dabondo, o que había dentro. A muller de Josuat contaba logo que o seu marido engordara moito nos últimos meses e que estaba coma un bocoi cando entrou na cova, o que se cadra o salvou. O médico de Josuat, pola súa banda, impagable adiviño, dicíalle a Josuat cada vez que o vía neses meses previos á odisea que todos eses quilos que o amorcillaban acabarían matándoo. Josuat, en fin, despois de cambiar de médico, como que lamentou sobrevivir, porque entendeu que, contra o que el pensaba, hai algo aínda peor que morrer por parvo, que te deixa fatal postumamente: case morrer por parvo, que te deixa fatal contigo aquí, sen un pouco de loito protector, a mercé dos jajás e as risas frouxas.

Hai como dez anos, xa lles digo que eu arquivo estas cousas, un ancián nicaraguano que volvía á súa casa en Tipitapa tras catro días de ausencia atopou certa inquietude nas miradas dos veciños, que non sabían como dicirlle que deixase de chamar ó timbre, porque non había ninguén: estaban todos no seu enterro. Como o vello supuxo, con bo xuízo,  que non empezarían sen el, non se deu moita présa en chegar ó cemiterio, onde esposa e fillos non só non deixaron de chorar ó velo, senón que choraron con moita máis fruición, desconcertantemente. O vello esposo e pai non tivo difícil demostrar quen era, era evidente, pero si demostrar que estaba vivo, porque é costume antigo que os espíritos nicaraguanos asistan ó propio enterro e anoten as ausencias e pasen conta logo con aparicións, con sustos, con ouleos.

Nos últimos días de xaneiro de 1945, unha muller que estaba sendo liberada dun campo de concentración nazi achegouse a un soldado que repartía leite entre os nenos. Levaba nos brazos un bebé, morto de varios días, e non desistiu ata que o soldado puxo unhas gotas de leite nos beizos do neno. Logo afastouse cantando, feliz, e caeu morta na segunda estrofa.

Quero dicir que a poesía é posible despois de Auschwitz. O que xa é máis difícil é o humor. Por exemplo: antes deste parágrafo penúltimo, é fácil sorrir cos tres primeiros; despois, xa non.

 

26 de marzo de 2012
por Roberto G. Méndez
0 comentarios

Fragmentos de Apocalipse (6)

O 24 de setembro de 1504, o médico e quiromántico boloñés Bartolomé Coclès morría a mans do home a quen lle vaticinara que cometería un asasinato nesa mesma data. Isto vén querendo dicir que unha cousa é a adiviñación e outra dar ideas. Tamén que hai pacientes que axudan moito no cumprimento dos vaticinios.

O rei birmano Nandabayin morreu da risa en 1599 cando un comerciante italiano informoulle de que Venecia era un estado libre sen rei. Vostede seguro que non lle ve a graza, e se cadra por iso, aínda sen ser rei, está vostede vivo: por pura xustiza poética. Ou en palabras de Montaigne: por moi alto que sexa o trono, sempre está un sentado sobre o cu.

A quen non o queira ninguén sempre pode pensar, con Ambrose Bierce, no encordio que é o afecto: a criatura máis afectuosa do mundo é un can molladísimo. Unha vez só e aclimatado, convén que siga lendo a Bierce, que define a aclimatación como a protección contra enfermidades endémicas por ter morto dunha. E logo case é mellor que volva ao principio e compre, por exemplo, o can.

A Asociación dos Xudeus da Nación Alemá pediu publicamente o voto para Adolf Hitler nas eleccións de 1933. A xente debe de ter un ollo especial para acertar co que lle convén, pero para min que non o abre.

A fobia á caída de satélites pode parecer un pouco rebuscada, pero non o é nin a metade que o nome que lle dan: keraunotnetofobia. Logo está a fobia a ir á escola, chamada didaskaleinofobia contra o criterio de miña nai, que prefire chamala vagancia, adanismo ou tes un morro que o pisas, rapaz, como toda a vida e indistintamente.

 

19 de marzo de 2012
por Roberto G. Méndez
3 Comentarios

Dígallo na rúa

Hai un cento de cousas que non sabemos, por aventurar un número. Por exemplo: quén lle di a Fernando Pessoa, e a vostede e a min, por extensión, que dúas liñas paralelas, cando as perdemos de vista, non se atopan nalgún punto do horizonte, fartas de equidistancia. Pois ninguén. Por exemplo: quén lle di a Wittgenstein, e a vostede e a min, por extensión tamén, que as cadeiras dun cuarto non desaparecen en canto saímos e cerramos a porta tras de nós, ou que os xoguetes non bailan agarrado, ou que as chemineas non asubían nocturnos de Chopin.

Pois ninguén, tampouco. Son cousas que no fondo non se saben, aínda que se intúan. Un intúe que se salta dun oitavo piso vai caer coma un saco  que saltase dun oitavo piso e vai romper a crisma, pero un non está libre, como non o está ninguén, de ser o primeiro a quen non lle pase. É a mesma historia da inmortalidade e Borges, que sempre temeu ser o primeiro en vivir para sempre porque unha cousa son as estatísticas, tan unanimemente en contra da vida eterna, e outra cousa as probas, tan escorregadizas, e non hai quen poida probar, salvo estatisticamente, que eu vou morrer un día, que vai morrer vostede, que a vida é unha tómbola, tom tom tómbola, de luz e de color.

Porque ollo co sentido común. Pensen na dama que contou Bioy Casares. Durante anos, a muller concluía o seu rezo de todas as noites coa mesma frase: “Recorda, oh, Señor: quero ser viúva”. E un día Deus, na súa infinita misericordia, escoitou por fin e levouna ao ceo, porque no ceo, saberán vostedes, chaman viúvo, con envexable lóxica de sentido común, ao cónxuxe que chega antes. O natural.

Todo, en fin, é relativo, provisional, aproximado, como gusta de dicir Serrat nas entrevistas, ata mo dixo a min, unha vez: mira, nen, díxome, na vida esta todo é relativo, aproximado, provisional, non sei se nesa orde, Serrat fala profundo e nin sequera importa, todo pasa, e todo queda, e iso, Serrat fala, vaia, como cantando.

Isto explicaría, a provisionalidade das cousas, non que Serrat fale e pareza que canta, aínda que ao mellor tamén, isto explicaría, ou sexa, algúns fitos da paleontoloxía dos que xa saben que colecciono coma se fosen néboa. Por exemplo: en 1708 apareceu no lago Constanza un esqueleto publicado pouco máis tarde como Homo diluvii testis (home que presenciou o dioivo), e que resultou ser unha píntega. Por exemplo: en 1754, o franciscano granadino José Torrubia publicou o primeiro tratado español de paleontoloxía, titulado Aparato para a Historia Natural Española, e nel sostivo a teoría do dioivo para explicar a existencia de fósiles mariños en terra firme, ademais de atribuír os fósiles de grandes vertebrados á antiga e contrastadísima existencia de xigantes devora nenos e inspectores de Facenda (os detalles son meus).

Vén todo isto a conto, se é que vén, do descubrimento hai uns anos do Homo floresiensis, un metro de homo que viviu en Indonesia hai catro días, doce mil anos de nada, e que domesticaba elefantes ananos para non traballar el, o que abundaría no seu evidente parentesco con nós. Contado así parece, non me digan, outro fito chusco da paleontoloxía como os de máis arriba, pero como vai ser que non, que isto está nos papeis e ata na wikipedia, ata aquí máis ou menos quería chegar eu: dígalle ao seu fillo agora, e dígallo na rúa, se hai un par, que os gnomos son un bluf.

(O debuxo é unha recreación de como se supón que foi o Homo Floresiensis, tamén chamado Hobbit)


11 de marzo de 2012
por Roberto G. Méndez
0 comentarios

Fragmentos de Apocalipse (5)

Alivio, no Dicionario do Demo de Ambrose Bierce: espertar cedo unha fría mañá e descubrir que é domingo. Admiración, no mesmo dicionario: o noso amable recoñecemento do parecido que garda calquera outro con nós.

No ano 1999, a maior cadea británica de supermercados pediulles aos agricultores que fixesen o favor, por favor, de ofrecerlles melóns máis pequenos, porque unha coidadosa e exhaustiva investigación acababa de demostrar que as mulleres compradoras de melóns comparan inconscientemente o seu tamaño, o dos melóns, co tamaño dos seus propios peitos. Como parece que o gusto británico maioritario inclínase por peitos máis ben manexables, os melóns grandes e carnosos non se vendían, polo que deixaron de comercializarse en favor de pezas menores. Isto explicaría por que miudezas como, por dicir, unha vacina antisida, están tardando tanto tantísimo en chegar: os grandes cerebros andan noutras cousas.

Sobre a superioridade da novela como xénero literario: Roland  Barthes morreu en París, atropelado por un taxi, mentres cruzaba a rúa escribindo no seu diario. Un diario, non ‘Guerra e Paz’.

Cando lle preguntaron ao filósofo grego Anaxágoras qué é o mellor que pode facer un para que o recorden despois de morto, non o dubidou un segundo: dádelles aos alumnos, dixo, un día de vacacións.

A muller do conde francés Agenar de Gasparin, véndoo moribundo, manifestoulle entre laios a súa firme intención de seguilo. “De ningunha maneira”, replicou o conde; “sabes que o que a min me gusta é que vaias sempre ti diante”.

Unha cousa é segura, iso si: hai unha vida antes da morte. Se houbese outra despois, o concepto morrer sería do máis ocioso.

O personaxe de Capote viu a primeira estrela da noite que emerxía do río. “A primeira estrela”, dixo, cruzando os dedos. ¿Que desexo pides cando ves a primeira estrela? “Pido ver outra estrela”, contestou, “case sempre pido iso”.

 

2 de marzo de 2012
por Roberto G. Méndez
0 comentarios

Mala comida, racións pequenas

Pensaba Bioy Casares que en todos os países, sexa iso o que sexa, debería instaurarse unha lotería digamos que automática na que todos os habitantes tivesen dereito á súa papeleta pola simple e curiosa coincidencia de existir. E Bioy Casares pensaba unha cousa así porque tamén pensaba, demostrando que se poden ter dúas ideas distintas á vez, incluso unha idea detrás da outra, contra os escépticos e os deputados, pensaba tamén Bioy Casares, digo, dicía, que saber que nalgún momento nos pode tocar un premio fai a vida máis levadía, aínda que non máis longa, nin tampouco mellor, porque o que non ten remedio é o vello chiste de Woody Allen: aínda por riba de que a comida é unha merda, neste restaurante do demo as racións son pequenas pequenísimas da morte de morrer.

Eu o que creo é que esa lotería xa existe, e está no feito de nacer aquí ou nacer en Angola, por poñer un poñer, e unha vez aquí en nacer neste barrio ou neste lamazal, e unha vez neste barrio en nacer neste baixo interior esquerda ou neste outro ático luminoso e azul e con vistas ao ceo, ese mesmo ceo que ten aquel tráxico defecto que ningunha fe foi quen aínda de resolver satisfactoriamente, xa saben, para qué ir ao ceo, se desde alí o ceo non se ve, Monterroso era sabio, Monterroso era mínimo, Monterroso era, pero xa non é, que é con diferenza a cousa peor, e non tiña fe ningunha, que é con diferenza a mellor maneira de aforrar toda unha pasta en décimos.

Seguro que moitos de vostedes non merecen esta información, pero eu sei que o que non existe de ningunha das maneiras de existir é a sorte mesma, e seino porque a min nunca me tocou nada. Tampouco xogaches nunca a nada, parece que estou oíndo á miña avoa boa. Xa. Por iso. Sorte sería gañar sen papeleta. Gañar con ela é soamente probabilidade, e o que é probable non pode sorprender que pase, ónde está o mérito, qué ten de extraordinario que saia un número que está no bombo. É pura física, ou sexa, se queren puro caos, pero non sorte. Sorte, quero dicir, non.

O que teñen a sorte, o azar, a driblínica fortuna, é que son palabras económicas, como tamén pensaba Bioy Casares, e xa son tres ideas distintas nun único home, o que probaría que é posible comer galletas e gobernar un imperio, sexa iso o que sexa, sen deixar de acariñar o can, aínda que se entende que non todo o mundo se atreva porque dá como susto, tanta sincronía, e de aí Bush, no seu día. Pero ó que estaba: sorte, azar, driblínica fortuna, son palabras e son moi económicas, porque aínda que non designen nada claro, evitan, iso si, un monte e unha praia de arduas explicacións. E é que polo demais, e aparte de Undiano Mallenco, ¿a quen botarlle, se non, as culpas?

Non vou negar, claro, iso xa non, que pode que se dean certas coincidencias, porque diso se alimenta a literatura. Pensen, por exemplo, na historia brutal dos amantes antigos, un home e unha muller que se coñeceron aos vinte anos, estiveron corenta sen verse e un día morreron xuntos no mesmo accidente, conducindo un coche cada un, un contra o outro, frontais e reencontrados, libres de amarse por fin, coa paixón tranquila dos que xa non se esperan, coa limpeza das primeiras veces, con etcétera. Bonito, ¿non?

Pois non. Puideron atoparse nunha cafetería perfectamente. Non sexan tan retorcidos como o azar, a sorte, a fortuna, que, para non existir, moito tocan as pelotas.