Home > Mira ti! > O País das Marabillas

O País das Marabillas

Abril 25th, 2012

Recordo que unha vez lle preguntei a unha persoa moi sabia se lle gustaría vivir a mesma vida. Volver nacer, volver empezar. Non o dubidou un intre.

Ás veces pregúntome qué é iso que nos da forza para avanzar.

É curioso. Na vida, ese “País das Marabillas” particular, imos abrindo portas e conquistando novas salas. Cada sala é unha estancia única e especial, decorada con obxectos exclusivos, habitada por persoas peculiares e ambientada con melodías que só poderemos escoitar alí… Cada habitación é unha fase que máis axiña ou máis amodo, feridos ou fortalecidos, cruzamos sen excepción ata atopar na parede oposta unha nova porta, a seguinte. Sempre.

Abofé que nos falaron dela… pero non temos nin idea de se, para nós, será fría ou cálida a próxima estancia, de se atoparemos amigos ou inimigos, se acaso será un lugar en penumbra ou inundado de luz. Ás veces embárganos a ilusión e outras, sen poder evitalo, róenos o medo. Poida que mesmo haxa varias portas e dubidemos cal leva o noso nome. Pero ningunha é a nosa nin deixa de selo, escollemos unha e seguimos adiante. Nunca sentamos no chan.

O que nos fai avanzar?… Poida que precisamente sexa iso. Que as portas son da máis fornida e opaca madeira de carballo, non deixan pasar nin unha raioliña de luz. Non nos permiten albiscar o que acontece máis alá, nin oír unha voz, nin intuír unha imaxe borrosa do noso futuro. E esa curiosidade do descoñecido, as imperiosas ganas de descubrir o que esconde o grosor da madeira… fannos surcar a soleira e entrar por fin na próxima sala, da que tamén algún día cando xa esteamos acomodados, teremos que saír.

A miña avoa non o dubidou un intre, cando lle formulei aquela pregunta respondeume que non. Sabía ben que, agora que coñece todas as habitacións do seu País das Marabillas, se unha man xigante a soltara como a unha boneca sen vontade na primeira de todas, a visión dende alí sería moi diferente. As portas tornaríanse transparentes como un vidro lustrado para ela. Vería con claridade cada sala ata a derradeira de todas, e daquela, sen o impulso da incertidume, sentaría no chan.

Henrika Mira ti!

  1. CADALSO60
    Maio 20th, 2012 at 15:02 | #1

    En mi opinión, lo que nos hace avanzar es la esperanza de que todo cambiará para mejor en otro lugar. Cuando en realidad no hay tal, somos los mismos donde quiera que estemos. Nuestros pesares y preocupaciones nos siguen a todas partes. Por eso hemos de aceptarnos tal como somos, para bien y para mal. Y también todo aquello que podíamos haber sido de intentarlo, pero eso jamás lo sabremos, permanecerá para siempre en el secreto de lo no realizado. Y sí no hubiera estudiado. Y sí no me hubiera casado. Y sí no hubiera nacido. Y sí, es un condicionante sin sentido práctico. Un saludo.

  1. No trackbacks yet.
*