Home > Mira ti! > Alegría, por saúde

Alegría, por saúde

Marzo 30th, 2012

É a segunda causa principal de morte, detrás das enfermidades cardiovasculares malia os grandísimos avances ó longo dos anos, segue sendo un “monstro debaixo da cama” para a poboación actual, tan sensibilizada polo seu carácter fulminante e a súa frecuencia (seguramente todos tivemos algún caso ben preto de nós): o cancro.

 

O cancro é unha enfermidade multifactorial no senso de que se produce pola interacción de varios tipos de variables. O noso perfil xenético ou algúns factores ambientais poden escaparse da nosa vontade… mentres que por exemplo os hábitos tóxicos dependen puramente dun mesmo. Agora ben, ¿que hai da personalidade?

 

Clasicamente as personalidades clasifícanse en catro grandes grupos (lin nalgures que dependendo en esencia do hemisferio cerebral dominante). Resumidamente, os individuos con personalidade tipo A son impacientes, compiten por todo, móstranse permanentemente estresados e tenden a ser inflexibles e dominantes. Aos de tipo B nada semella afectarlles demasiado, viven a súa vida sen estrés, con paciencia, e esperan o momento oportuno para actuar. Son perfeccionistas, conclúen as súas obras e representan en suma aquelas persoas pacíficas e positivas por natureza. A personalidade tipo C é a desas persoas con tendencia depresiva que o calculan todo para aforrar tempo e enerxía esperando o futuro con todo previsto, temendo que algo os tome por sorpresa. Son introvertidos, angustiados, dubitativos, e gardan todos os seus sentimentos para si.

 

Pois ben, direivos que se realizaron moitos estudos nos que se evidenciaba certa relación entre cada un dos grupos de personalidade e algunhas patoloxías. Segundo os datos estatísticos obtidos de maneira retrospectiva, isto é, revisando a historia clínica dos xa enfermos, obtivéronse as seguintes asociacións: o tipo A é máis propenso a enfermidades cardíacas e vasculares (parece que revisando esas características de conducta non nos costa imaxinarnos a este individuo con hipertensión ou mesmo un infarto). Os tipo B relaciónanse con bo estado de saúde, e por fin os tipo C presentan certa tendencia ao cancro.

 

Un dos estudos máis importantes e demostrativos foi o de Lawrence Leshan, un doutor que no ano 1959 revisou as historias de moitos centos de pacientes con cacro. Nas tres cuartas partes atopou antecedentes de soidade, aillamento afectivo durante a nenez, temor a relacións interpersoais intensas e sentimentos de desesperación. Moitos investigadores seguiron a liña de Leshan, e sen chegar a resultados definitivamente satisfactorios, establecen a tese de que a depresión pode ser somatizada baixo a forma de neoplasia.

 

Despois de tanta controversia sobre o tema, ¿podemos dicir que realmente a personalidade inflúe? E se é así, ¿é un factor modificable ou non modificable? ¿deberíamos, ademais de non fumar, ser máis abertos e expresivos, máis espontáneos, máis alegres… pola nosa propia saúde?

 

Henrika Mira ti!

  1. No comments yet.
  1. No trackbacks yet.
*