Abril 25th, 2012

O País das Marabillas

Recordo que unha vez lle preguntei a unha persoa moi sabia se lle gustaría vivir a mesma vida. Volver nacer, volver empezar. Non o dubidou un intre.

Ás veces pregúntome qué é iso que nos da forza para avanzar.

É curioso. Na vida, ese “País das Marabillas” particular, imos abrindo portas e conquistando novas salas. Cada sala é unha estancia única e especial, decorada con obxectos exclusivos, habitada por persoas peculiares e ambientada con melodías que só poderemos escoitar alí… Cada habitación é unha fase que máis axiña ou máis amodo, feridos ou fortalecidos, cruzamos sen excepción ata atopar na parede oposta unha nova porta, a seguinte. Sempre.

Abofé que nos falaron dela… pero non temos nin idea de se, para nós, será fría ou cálida a próxima estancia, de se atoparemos amigos ou inimigos, se acaso será un lugar en penumbra ou inundado de luz. Ás veces embárganos a ilusión e outras, sen poder evitalo, róenos o medo. Poida que mesmo haxa varias portas e dubidemos cal leva o noso nome. Pero ningunha é a nosa nin deixa de selo, escollemos unha e seguimos adiante. Nunca sentamos no chan.

O que nos fai avanzar?… Poida que precisamente sexa iso. Que as portas son da máis fornida e opaca madeira de carballo, non deixan pasar nin unha raioliña de luz. Non nos permiten albiscar o que acontece máis alá, nin oír unha voz, nin intuír unha imaxe borrosa do noso futuro. E esa curiosidade do descoñecido, as imperiosas ganas de descubrir o que esconde o grosor da madeira… fannos surcar a soleira e entrar por fin na próxima sala, da que tamén algún día cando xa esteamos acomodados, teremos que saír.

A miña avoa non o dubidou un intre, cando lle formulei aquela pregunta respondeume que non. Sabía ben que, agora que coñece todas as habitacións do seu País das Marabillas, se unha man xigante a soltara como a unha boneca sen vontade na primeira de todas, a visión dende alí sería moi diferente. As portas tornaríanse transparentes como un vidro lustrado para ela. Vería con claridade cada sala ata a derradeira de todas, e daquela, sen o impulso da incertidume, sentaría no chan.

Henrika Mira ti!

Marzo 30th, 2012

Alegría, por saúde

É a segunda causa principal de morte, detrás das enfermidades cardiovasculares malia os grandísimos avances ó longo dos anos, segue sendo un “monstro debaixo da cama” para a poboación actual, tan sensibilizada polo seu carácter fulminante e a súa frecuencia (seguramente todos tivemos algún caso ben preto de nós): o cancro.

 

O cancro é unha enfermidade multifactorial no senso de que se produce pola interacción de varios tipos de variables. O noso perfil xenético ou algúns factores ambientais poden escaparse da nosa vontade… mentres que por exemplo os hábitos tóxicos dependen puramente dun mesmo. Agora ben, ¿que hai da personalidade?

 

Clasicamente as personalidades clasifícanse en catro grandes grupos (lin nalgures que dependendo en esencia do hemisferio cerebral dominante). Resumidamente, os individuos con personalidade tipo A son impacientes, compiten por todo, móstranse permanentemente estresados e tenden a ser inflexibles e dominantes. Aos de tipo B nada semella afectarlles demasiado, viven a súa vida sen estrés, con paciencia, e esperan o momento oportuno para actuar. Son perfeccionistas, conclúen as súas obras e representan en suma aquelas persoas pacíficas e positivas por natureza. A personalidade tipo C é a desas persoas con tendencia depresiva que o calculan todo para aforrar tempo e enerxía esperando o futuro con todo previsto, temendo que algo os tome por sorpresa. Son introvertidos, angustiados, dubitativos, e gardan todos os seus sentimentos para si.

 

Pois ben, direivos que se realizaron moitos estudos nos que se evidenciaba certa relación entre cada un dos grupos de personalidade e algunhas patoloxías. Segundo os datos estatísticos obtidos de maneira retrospectiva, isto é, revisando a historia clínica dos xa enfermos, obtivéronse as seguintes asociacións: o tipo A é máis propenso a enfermidades cardíacas e vasculares (parece que revisando esas características de conducta non nos costa imaxinarnos a este individuo con hipertensión ou mesmo un infarto). Os tipo B relaciónanse con bo estado de saúde, e por fin os tipo C presentan certa tendencia ao cancro.

 

Un dos estudos máis importantes e demostrativos foi o de Lawrence Leshan, un doutor que no ano 1959 revisou as historias de moitos centos de pacientes con cacro. Nas tres cuartas partes atopou antecedentes de soidade, aillamento afectivo durante a nenez, temor a relacións interpersoais intensas e sentimentos de desesperación. Moitos investigadores seguiron a liña de Leshan, e sen chegar a resultados definitivamente satisfactorios, establecen a tese de que a depresión pode ser somatizada baixo a forma de neoplasia.

 

Despois de tanta controversia sobre o tema, ¿podemos dicir que realmente a personalidade inflúe? E se é así, ¿é un factor modificable ou non modificable? ¿deberíamos, ademais de non fumar, ser máis abertos e expresivos, máis espontáneos, máis alegres… pola nosa propia saúde?

 

Henrika Mira ti!

Marzo 7th, 2012

Éxito ou fracaso?

Nos últimos días acaeceron fatídicos acontecementos que desgraciadamente requeriron o exercicio profesional de dúas disciplinas científicas complementarias en casos de mortes sospeitosas ou violentas. O descubrimento en augas coruñesas do último dos catro cadáveres que o mar devolveu despois do traxédico suceso do 27 de xaneiro e ó dobre asesinato de Xermade foron causa de desplegue da habilidade e pericia, respectivamente, de especialistas medico-forenses e policía científica. A propósito o de respectivamente, pois pretendo establecer unha comparación entre ambas actividades.
En España, as competencias de policía científica son levadas a cabo tanto polo Corpo Nacional de Policía e a Garda Civil como polos diversos corpos policiais autonómicos e algúns cuerpos de Policía Local ou municipal. O corpo médico-legal (ou forense) non se inclúe dentro das fuerzas e corpos de seguridade, pero sí colaboran no proceso xudicial dos casos de asasinato, homicidio, lesións, violación, abusos, etc. e traballan estreitamente coa policía en casos nos que a súa acción é requeriada para presentar probas ante o xuíz.
Ambas actividades requiren amplos coñecementos, experiencia e recursos para o exercicio das súas funcións, así como plataformas de investigación e innovación. No caso da medicina forense e no contexto de crise e recortes, os recursos económicos e subvencións menguan cada ano, pero a pesar das dificultades os resultados son positivos.  Dirixindo a ollada á outra banda, ou á primeira parte da investigación do crime se queremos dicilo así, parece que os esforzos son menos productivos, ben porque quizais resulte unha tarefa máis complicada atopar as probas que analizalas, ou porque en xeral, é máis complexa a búsqueda da verdade en escenarios reais ca nun laboratorio.
Quizais me equivoque na perspeciva por simple descoñecemento. En calquera caso, en vista da traxedia sucedida en Xermade, só queda esperar e desexar o éxito de tódalas vías de investigación posibles para descubrir ós autores do crime e facer xustiza.

Henrika Mira ti!

Xaneiro 12th, 2012

Blowing in the wind

Chegaron as rebaixas e os que non dispoñemos de moito tempo para remexer en directo, ollamos as prendas das nosas tendas preferidas en internet para comprar on line.

Non foi unha sorpresa para min, vexo isto cada nova tempada nas fotos dos desfiles, en catálogos ep ublicidade. E non me custou moito traballo recolectar da web estas imaxes para que esta vez vostedes o vexan comigo e se indignen tamén. Esta composición recolle fotos das campañas de ZARA destes últimos meses ata hoxe.


A roupa parece máis ben colgada dunha percha que rechea de carne. Os diámetros dos muslos son os mesmos que os dos brazos. A imaxe da esquina inferior dereita mostra os xeonllos dunha nena que parece vítima de desnutrición. E de feito isto non é nada… só imaxes retocadas con Photoshop que distan moito dunha realidade bastante máis crúa.

Vendo isto pregúntome se as marcas e os deseñadores non temen a polémica, as críticas ou incluso as consecuencias legais, xa que a saúde das modelos ou da poboación que identifica estas escuálidas figuras como canon de beleza non parece importarlles.

Cantas demandas, prohibicións, polémicas nos medios… Cantas persoas de verdade que sufren trastornos alimentarios, cantas mortes… E recordando como unha de tantas a de Isabelle Caro en novembro, aquela moza que se fixo famosa por mostrarse tal como era, unha pantasma de 1,65 de estatura e 31 kg de peso, pregúntome igual que o fixo Bob Dylan: Cantas veces pode o home virar a cabeza, facéndo como que non ve? …  A resposta está no vento.

Henrika Mira ti!

Novembro 17th, 2011

Volver

Houbo un tempo no que non estiven na casa. Curiosamente, a morriña pola terra foi aínda maior antes de marchar, cando camiñar pola pedra dourada de Santiago era un mar de saudades adiantadas, cando o son afrautado daquel gaiteiro de Vigo se me antollaba un “ata logo, volve pronto”.

 

E logo viaxar, coñecer un chisco máis do continente, descubrir que por descubrir aínda queda moito máis.

…Resulta que aqueles habitantes non conversan mentres viaxan no tranvía. Non levan billetes, senón moedas. E non lles chega. Teñen os seus rencores e os seus complexos. A súa historia está impregnada nas rúas e ás veces nas súas faces…

Acariciei novos sabores e novas formas de ser. Vin ollos moi fríos e ollos moi quentes. Cheguei simplemente a sorprenderme un día, dende a última e máis alta fila da clase, ao contemplar ó meu redor un salpicado de loiras coroas, eu que estou acostumada a un tono máis ben marrón…

 

Non viaxei por todo o mundo, nin por toda Europa, nin sequera por toda Galicia. Tampouco marchei moito tempo, pero volvín. E ó chegar asistín a un espectáculo de pequenos artistas do baile galego. Comezou a música e floreceu a emoción en todas as gorxas, o lume no meu peito. Entón vin as saias despregarse en círculos de cores, as mans pequenas e rechonchas dos nenos erguidas na postura da muiñeira, un alegre aturuxo cantando á alegría da terra “¡ai Manolo, que ben te vexo!”, e as risas. De súpeto os lombos dos vellos xa non estaban cansos, senón ergueitos e fachendosos, entregados ó son das gaitas. E daquela sóubeno máis que nunca, e pensei… “xa estou na casa”.

 

Henrika Mira ti!

Outubro 16th, 2011

Conversa cunha tapa

O fin e os medios. Parece sinxelo e que confuso é ás veces. A comunicación e un fin para o cal temos moitísimos medios, entre eles o teléfono móvil. O caso é que cada vez que un novo e máis sofisticado modelo ve a luz, con máis funcións e posibilidades, perde un pouco de medio e gaña un pouco de fin. Con isto quéixome de que cada vez vexo máis xente pegada a unha BlackBerry que máis que un móvil é un apéndice, que máis que un medio para comunicarse é un fin en si mesmo. Podería non ter nada de malo, pero a verdade é que me asusta un pouco que nos bares de tapas se extinga para sempre o contacto visual e a atención durante unha conversa, porque os suxeitos se atopan inmersos noutra paralela por mensaxiñas de WhatsApp. E non é de reprochar que contesten de seguido, pois con este sistema aquel que lle escribiu sabe que foi lido. É un avance, si. Abarata e axiliza. Pero non é angustioso estar sempre localizable e obrigado a responder? O peor é que aos que non temos diso, non nos queda outra que concentrarnos na tapa.

Henrika Mira ti!

Setembro 27th, 2011

O método Dunkan

 

Carai co doutor Dunkan! En Internet, librerías, medios de comunicación e de boca en boca. Disque os seus libros ocupan os primeiros postos nos rankings de vendas. O éxito da súa fórmula máxica para adelgazar sen esforzo está respaldada por infinidade de testemuños individuais, unha web interactiva e moito marketing.

Trátase dunha dieta hiperprotéica, é dicir, un réxime de alimentos abundantes en proteínas pero cun aporte case inexistente de graxas e hidratos de carbono. Privando ao organismo da súa habitual fonte de enerxía, éste utiliza primeiramente as reservas de graxa e posteriormente as proteínas presentes no corpo e as aportadas pola inxesta. Aquí está o “milagre” do adelgazamento, a promesa de perder peso de inmediato e sen esforzo versus os efectos adversos dunha dieta por definición desequilibrada. A polémica está servida. Mentres o doutor Pierre Dunkan e unha avalancha de apaixoados seguidores relatan as súas satisfactorias experiencias, asociacións de dietética e nutrición de varios países declaran o método como ineficaz, fraudulento e potencialmente perigoso.

Neste enlace podedes ler a postura da Asociación Española de Dietistas-Nutricionistas, moi interesante e defendida con rigor. http://www.aedn.es/resources/a222c2c8e627e37Dukan_Postura_GREP-AEDN_Marzo_2011.pdf

En canto aos devanditos riscos para a saúde, hai que mencionar que utilizando proteínas como fonte de enerxía, podemos perder graxa pero tamén masa muscular. A perda de auga corporal derivada deste metabolismo proteico e os residuos que éste produce sobrecargan o fígado e os riles. A falta de azúcares pode producir cambras e fatiga. Pódese sufrir de estreñimento pola escaseza de fibra e minerais…

Todo isto posicionoume claramente en contra, un claro exemplo daquilo de “é peor o remedio que a enfermidade”. Pero, e se depende da enfermidade? Quero dicir que co obxectivo de curar doenzas específicas utilizamos fármacos con demostrados efectos secundarios sobre outros órganos porque que melloran a saúde xeral do paciente. Polo tanto, nun caso de obesidade mórbida con serias repercusións na calidade de vida da persoa, non estaría xustificado o seguimento supervisado dunha destas dietas asumindo os posibles efectos adversos, igual que asumimos os da pastilla da mañá, de despois de comer e da noite?

Henrika Mira ti!

Xullo 26th, 2011

A festa da tortura

Seica está o mundo do toreo revolucionado, feliz e satisfeito despois da volta aos rodos de José Tomás. Atribúenlle facultades divinas, é unha lenda viva, un exemplo de valor. Eufóricos e contaxiados desa valentía os aficionados repiten fachendosos aquilo de “a quen non lle guste, que non mire”. Xa non miro, alomenos a propósito… pero estou informada. A cousa vai de bravura, masculinidade, valentía e tradición. Non estou en contra de todo iso, pero si da burla, da tortura e do maltrato dun animal.
Que beleza e que plasticidade de malva e ouro, como brilla o traxe! Din que aínda reloce máis manchado de sangue. Do sangue alleo.
Ben sei que para formarse unha opinión débense escoitar as dúas partes, co oído aberto e tamén as miras. De verdade que puxen o meu empeño mais non atopo un só argumento a favor cun sustento sólido e razoable. Se a tradición debe ser protexida por encima da ética, entón reconstruamos o Coliseo de Roma e comamos pipas admirando unha loita a vida ou morte entre bestas e cristiáns. Se debemos mirar cara a outro lado ante o que nos pareza inxusto, entón ignoremos as mulleres maltratadas. Se a loita é nas mesmas condicions, que utilicen o cansanzo e a dor para minar completamente nas súas facultades físicas tamén ao toureiro. Se a beleza de todas as manifestacións artísticas de confección, cartelería, música ou literatura que xera a tauromaquia xustifican a súa perpetuación, entón defendamos tamén as guerras, as traxedias humanas, a mafia ou o nazismo, en tanto que provocaron a creación de auténticas obras de arte.
 
Termino remitíndovos a un artigo sobre o tema escrito por Fernando Álvarez, etólogo e profesor de investigación, por se quedan dúbidas de que o animal sofre. E tamén vos pido, por que non, que se alguén pode ilustrarme nos argumentos contrarios, o faga.
 

Henrika Mira ti!

Xullo 21st, 2011

Pescados con redes sociais II

Como vos dixen, cóntovos o paseo:

No meu entorno comezouse por Myspace, onde cada un “tuneaba” un espazo propio con todo tipo de sinais reveladores. Calabamos a calquera polo seu layout (imaxe de fondo) ou o deseño da súa contact-table, e atopabamos no seu Top10 de amigos un feixe de personaxes do mesmo pao ca él e co mesmo flequillo. Tiña o seu aquel. Reservado agora para grupos de música e fracuchos ultramodernos asiduos de Razmatazz, Myspace tiña un carácter máis persoal e tamén máis narcisista, se se me permite, que as redes que lle seguiron en moda. As dez fotos que subiamos eran de un mesmo posando deliberadamente e sen disimular (agora tamén o facemos de vez en cando ho, pero ao despiste).

Tuenti tiña algo novo: a gran cantidade de fotos que podiamos subir e as etiquetaxes aos nosos amigos para compartir todas elas. Isto fíxoo máis divertido, pero abriu a porta a todos aqueles que día a día nos maravillan con novecentas fotos todas iguais. Así, a granel. Coidado que esa mínima variación entre a primeira foto en picado da cara das dúas, e da segunda, e da terceira, e da vixésimo terceira na mesma postura… é moi apta para xogar a atopar as 7 diferenzas, xa volo digo eu que o teño feito: na última puxéronlle unhas estreliñas pola marxe.

O Tuenti foi sustituído ultimamente por Facebook e quedou relegado a grupos de xente moi nova e a nostálxicos das súas antigas fotos que rexeitan borrar a súa conta aínda que xa non a utilicen (é que me gusta ver como me foi medrando o pelo).

Con respecto ao xigante -Facebook-, teño que darlle as grazas xa non a Mark Zuckerberg, ou ó cofundador, ou ós xemelgos eses, ou a quen raio tivo a idea, que aínda non me quedou claro despois da peli. Doulle as grazas a todos aqueles que unha mañá se sinten inspirados e crean grupos como “hoy no voy a salir de marcha para no enamorar a más gente”, ou “voy a dejar de estudiar y ponerme a beber enserio”. De verdade que me facedes a páxina e o explorador enteiro máis feliz. Se me le alguén que os saiba mellores que mos poña. Como dicían as mestras, dio en alto que nos riamos todos.

E por último (xa estou acabando, de empezar…), a última novidade parece ser que ven da man de Google, quenes despois de dous intentos errados de desbancar ao presente favorito, presentan agora un novo concepto en Google Plus, unha rede na que os amigos se organizan en círculos, rodas como as do patio do colexio nas que os xogos, as fotos e os segredos se comparten na intimidade dos favoritos. Por min vale, para o maruxeo é moito máis cómodo.

Henrika Mira ti!

Xullo 8th, 2011

Pescados con redes socias

Os que podemos escribir a nosa idade cun número de dous díxitos, escribimos tamén o noso nome cunha combinación de dúas palabras que nos identifican a todos. E esas dúas, amigos, son ?nome de usuario? e ?contrasinal?. E é que xa restan pouquiños que non accedan un día si e outro tamén a esa ventá á interacción que son as redes sociais. Unhas veces por curiosidade, outras por rutina.

Fotolog, Myspace, Tweeter, Tuenti, Facebook… todas comparten o afán dos seus usuarios por ver e ensinar. Está claro que ver, facémolo todos (sei de anónimos especializados nesa contenda). O problema está en cánto se ensina.

Agora mesmo non preciso máis que entrar na miña páxina de inicio para saber onde estiveron, qué fixeron, cales son os plans e, segundo de quen falemos, cómo vai a vida sentimental de trescentos contactos. Todo cunha rápida visual dos seus ?estados? (frases curtas sobre como se atopa un cada día), ou das súas fotos. Ultimamente disque tamén as empresas se suman ó carro da investigación persoal por estas vías á hora de contratarnos, así que coidadiño coas fotos en calzóns co vaso na man. Estades todos fichados.

O feito de que ás veces sexa tan divertido, todo hai que dicilo, temos que agradecérllelo a aqueles propensos a describir de xeito profundo a súa situación emocional publicamente, enviando notificacións ó actualizar o devandito ?estado? sobre o último desengano amoroso, adicando reproches ou frases de amor segundo o día da semana… Menos mal que para o noso deleite soen utilizar letras de baladas, parafraseando a poetas tan inmortais como Chayanne ou o mesmo Don Omar (que cando se pon serio tócalle a un a freba…).

O tema das fotos xa é peliagudo. Sacalas dende arriba para verte máis delgado e evitar a temida papada, poñelas en sepia ou branco e negro como se fosen de repente a gañar en calidade, darlle contraste a mansalva para queimar os brancos e porqué non, os granos… son trucos do máis trivial. Pero vouvos aportar aquí outro e xa nos tiramos polas pozas: se vos facedes unha auto-foto no espello do baño, alomenos quitádelle o flash, para que non reflexe o fogonazo e se aprecie ben a valdosa e mailo retrete, que non son de balde. Sempre lle suma un punto ó resultado final poder apreciar se é de cerámica, pedra, porcelana…

Redes houbo moitas, e moitos dos da nosa quinta fomos pasando dunhas a outras segundo as modas. Outro día cóntovos a miña andaina.

Henrika Mira ti!