Por favor, que non me esperten… #Campus morte

| 0 comments

Xa dende Alemaña, e cando se cumple pouco máis dun mes dende que a miña primera novela en lingua galega saíra do prelo, sinto no peito unha gratitude que dificilmente pode caber nunha entrada deste blog.

O día 24 de marzo, na presentación en Couceiro (GRAZAS, María, GRAZAS, Pablo!) sentinme realmente privilexiado de poder contar con tanta xente querida ao meu arredor. Ademáis do sempre e incondidicional “apoio Baleato”, a libraría estivo ateigada de moi boas amizades, pero tamén de coñecidos e descoñecidos que, en moitos casos, confío en que o tempo tamén convirta en amigos.

Os días e semanas posteriores (e ata hoxe!) estiveron cheos dunha sucesión de mensaxes dos primeiros lectores de “Campus morte”. Aínda que pareza un pouco obvio, a aspiración máxima que pode ter alguén que xunta letras é precisamente que a xente lle queira adicar o seu tan valioso tempo a ler o que un escribe, e por iso eses pequenos xestos teñen un valor tan especial.

Son consciente de que a inmensa maioría destes primeiros lectores non son en absoluto obxectivos e que serían quen de tragarse o listín telefónico se este levase o meu nome na cuberta. Aprezo moito e sei que eses lectores “por amizade” son os responsables de que “Campus morte” se esgotara en diferentes librarías compostelanas en varias ocasións, logrando o milagre de que xa antes dun mes (!) chegase unha segunda impresión da novela.

Sei que pode resultar difícil dicirlle a alguen que aprecias que non che gusta o que escribiu, e imaxino que, por iso, polo de agora, só recibín as “críticas favorables”. Tamén sei que as outras, que sempre se agradecen se son constructivas, han de chegar nos vindeiros meses.

Pode ser que estea mal que sexa eu quen o diga, pero como xa non me quedan avoas, permítome escribir aquí que me enche de orgullo ter escoitado e/ou lido que “Campus morte” “enchanga moito”, que é “moi fácil de ler, tamén para quen non acostuma a facelo”, que é “unha novela ideal para introducir a adolescentes de secundaria ao xénero da novela negra”, ou que me compararan (aí é nada!) co meu aprezado e admirado compañeiro de facultade Pedro Feijoo.

Nestas últimas semanas tamén me chegaron fotos da novela en lugares tan dispares como Baleares, Cataluña, Andalucía, Londres ou Reading, e sei que xa chegou tamén a Estados Unidos, Suiza e por suposto a Alemaña; así que creo que podo dicir que “Campus morte” ten ese espírito emigrante que tan presente está en “La generación de la burbuja”.

Todos os azos que me está facendo chegar tantísima xente fan que, (quen o diría!) xa estea seriamente a considerar a posibilidade de que a Iago Miranda aínda lle quede algunha que outra historia por vivir nese barrio compostelán de San Pedro que nos viu medrar, e que ámbolos dous tanto botamos de menos.

GRAZAS INFINITAS 🙂 #Campusmorte

Deja un comentario

Required fields are marked *.