“Transmigrantes” de María Alonso

| 0 comments

Paderborn, 21 de outubro de 2017

Aprezada María:

Escríboche esta carta despois de ”devorar“ o teu ensaio aproveitando unha viaxe en tren de ida e volta a Colonia e teño que dicir que eu, como emigrante que tamén son, comprendo perfectamente a rabia coa que escribes. Síntome moi identificado con moitas das túas palabras. Tampouco é menos certo que discrepo con non poucas das túas aseveracións, posiblemente influenciado pola miña privilexiada experiencia persoal e o trato que levo recibido aquí en Alemaña. A lectura do teu libro foi moi enriquecedora e penso que, dende logo, é máis que recomendable, e non só para os que vivimos na diáspora.

Son consciente de que en moitos aspectos eu son un caso particular (aínda que todos o somos dalgún xeito), pero eu nunca me sentín discriminado laboralmente nesta miña emigración. De feito, se algunha vez coñecín o precariado foi no meu propio país. Ademáis da miña estadía en Alemaña, eu tamén vivín un curso en Manchester estudando e traballando para financiar o meu segundo ano Erasmus (sen bolsa, debido a que xa tiña disfrutado da axuda económica anteriormente en Alemaña e no Reino Unido só puiden contar coas vantaxas do estatus de estudante de intercambio). Eu tamén sei o que é contar libras para chegar a fin de mes, deixar horas en empresas de Catering e servir como camareiro pintas e cafés. Tamén é certo que daquela o meu horario universitario e o meu nivel de inglés non me terían permitido traballos moito mellores. Sempre recibín o mesmo salario por hora ca os meus compañeiros ingleses, escoceses ou finlandeses. As condicións, mellores ou peores; máis ou menos precarias, nunca dependeron da miña nacionalidade.

Como teño apuntado no meu blogue en varias ocasións, o idioma é nestas latitudes a chave para saír do precariado. A aportación dun biólogo no R.U. que non fala ben inglés é moi limitada, por moi licenciado que sexa; e os académicos de letras sofren máis se cabe a tara de non poder traballar no seu campo debido a un insuficiente dominio da lingua vehicular no contexto de traballo. Se son sincero, paréceme difícil evitar esa fase inicial en traballos de pouca cualificación como etapa intermedia ata chegar á competencia lingüística que abre as portas a traballos mellores. Un licenciado en Historia non pode pretender vir a Berlín sen dominar o alemán a traballar “do seu”, como teño visto en algún programa de televisión.

Por sorte, a mín aquí en Alemaña o meu nivel da lingua permitiume acceder dende ben pronto a outro tipo de traballos, que pasados uns primeiros anos como lector na universidade me permitiron gañar unha praza na Educación Secundaria. Lonxe de sentir un trato discriminatorio, nestes últimos dez anos na función pública síntome recoñecido e valorado como nunca sentín no meu propio país.

Ata a data xamáis me sentín discriminado nesta sociedade e os meus amigos locais sempre me trataron coma a un máis. E no tocante á integración; podo engadir que a miña parella non é alemana, senón da zona vella de Compostela, a poucos metros de onde eu mesmo crecín.

En absoluto pretendo vender a experiencia migratoria como unha “aventura”. Eu son o primeiro que está rabeando por voltar á miña casa, cos meus amigos de sempre e coa miña familia. Coincido contigo plenamente en que é preciso cambiar moitas cousas na nosa sociedade para que poidamos voltar, pero tan errado sería facer un uso eufemístico da “aventura” migratoria coma obviar ou limitar á excepción as traxectorias positivas de moitos mozos galegos na diáspora.

A nivel laboral eu estou contento e adoito dicir que se fose posible teletransportarse, a mín non me importaría en absoluto traballar aquí, sempre e cando despois da miña xornada laboral puidese voltar á casa. Se o túnel da Avda. de Lugo comunicase directamente Santiago con Paderborn eu viría aquí a traballar todos os días encantado da vida.

Dende logo, sería unha mágoa que a nosa xeración mostrase un rexeitamento cara a “patria” (palabra que recoñezo que non me gusta demasiado). O noso cabreo e frustración deben ir dirixidos aos responsables da situación actual, pero non á nosa “patria” de seu.

Despois duns anos de actividade case que semanal, teño que recoñecer que teño o meu blogue bastante abandonado. Moitos dos aspectos sobre os que ti reflexionas están presentes en varias post dende o ano 2012. Como moi ben apuntas, tamén eu tentei expresar a través deste medio a miña frustración, saudade, morriña e rabia. Vivín dende a distancia o nacemento de dous sobriños, a enfermidade e morte do meu pai e eu mesmo tiven dous fillos sen que miña nai e os meus irmáns puidesen estar “presentes”.

Non sei se ti tes esa(s) filla(s) á(s) que aludes no teu texto ou se só é unha metáfora, pero eu dende logo tamén penso moitas veces en como será o futuro dos meus fillos e como se sentirán entre estes dous mundos.  Aínda onte a miña filla tentaba bicar á súa avóa a través da pantalla do ordenador durante a nosa conversa por Skype.

Eu tamén son lector asiduo da prensa estatal e local e leo con frecuencia moitas columnas de opinión, entre a que se encontra a de Elvira Lindo, á que tamén lle escribín unha carta aberta no meu blogue que ela tivo a ben contestar. Dende entón intercambiamos decenas de mensaxes 🙂

Gustaríame pensar que eu, frente a ese teu “pesimismo”, creo no meu “optimismo”. O ideal sería que tod@s xunt@s loitáramos para facer realidade ese regreso que nós tanto arelamos. Mándoche pois moitos azos para tirar hacia adiante, azos que eu mesmo preciso coa esperanza de que algún día poidamos voltar. Non deixemos que esa “negatividade” da que falas  se apodere de nós.

Oxalá teñamos algún día a ocasión de nos coñecer e falar en persoa. Encantaríame conversar de todo isto contigo diante dun café ou dun bo churrasco.

Dende a diáspora xermana, mándoche unha grande aperta,

Lito Vila

#queremosvolver

Deja un comentario

Required fields are marked *.