A PROM

| 0 comments

Vexamos. A prom foi un rotundo éxito. Este baile que se celebra todos os anos a final de curso nalgúns centros educativos entrou, espido de vergoña e virxinal, no noso mundo escolar para acomodarse intrépido e resolto entre nós. Ten que botar raíces, din os maiores simpatizantes. Á fogueira do esquecemento refútanlles os máis conspicuos detractores. Algúns, desde unha actitude pouco comprometida, navegan con calmoso silencio, no mar proceloso e morno dunha verborrea vestida de imparcialidade. Hai que sacar músculo. Hai que mollarse. Hai que enterralo. E os mozos enceréllanse nun convulsa pero enriquecedora tirapuxa.
Algúns, enfundados nunha convicción de ciática emocional detéñense na porta do colexio, miran de esguello a esquerda e dereita, pregúntanse, indecisos e como trascolexados, se están dispostos a enfrontarse a un balbordo danzarín e festivo. Outros, que marcaron no seu calendario vital o día da prom cun rotulador vermello concupiscente, non paran de vociferar, cal bulebule tempestuoso, os beneficios do devandito ágape musical.
Que corremos o risco de que se convertan esas horas nun diluvio de procaces actitudes? Que vulgarizamos o colexio ata límites inauditos? Que envolvemos nun sudario de veleno choqueiro o noso prestixio? Que degradamos con riscos invisibles un ambiente educativo construído co esforzo dos nosos antecesores?
Pode ser. Desde unha óptica respectuosamente tradicional pode ser. Aínda que sinceramente non o creo.
Dicía o escritor francés Anatole France que todos os cambios, aínda os máis ansiados, levan consigo certa melancolía. E este sentimento é o que invade certos ambientes académicos, certos espazos de elegante e lendario raizame. No máis aló non se como se vivirá o cambio, pero neste mundo de convulsa celeridade ansiar a perfección é cambiar innumerables veces. Ademais, a min apaixóname acariñar o rosario da mudanza.
Respectando e reverenciando aos grandes mestres que nos precederon no labor educativo no noso bicentenario centro, desde estas páxinas proclámome un arrebatado partidario das celebracións académicas de todo tipo, xa sexan as de rigorosa erudición e etiquetaxe académico, xa sexan aquelas en as que o dj de quenda musica con celebérrimas cadencias nosas antergas aulas. A finalidade é facer colexio.

Author: José María Máiz Togores

Profesor e escritor. O primeiro, de seguro; o segundo, iso creo.

Deja un comentario

Required fields are marked *.