ZASCA

| 0 comments

Chega ao estudio. O político moderno e profundamente comprometido cunha realidade casposa e pestilente sorrí como un saciado bispo despois dunha copiosa merendola o día da patroa. Vou poder colocar o meu discurso populista, pensa con certa maldade. Esta é unha ocasión de ouro. Non podo desaproveitala. O entrevistador, impenitente escrutador, obsérvao como un can pachorrento fixa os seus ollos na súa peza de caza. É un dos zascas máis sonoros e exemplificantes dos últimos tempos da televisión. Unha personaxe polémico e nada encollido é o autor da entrevista. O político, o entrevistado, o desa formación que preconiza a insubmisión e a rebeldía activa sen ningún pudor, con todo o seu dereito, é ese gran parlamentario que está a desexar, tal frase díxoa noutro medio, volver ao seu estado persoal prepolítico. (Toma neoloxismo!). Ten graza o nauseabundo oportunismo sentimentaloide. O seu estado prepolítico era… o paro!!! Prefire o paro á súa actual situación privilexiada de deputado acomodado á caste? Nin tolo. Non llo cre el nin cheo de viño, como dicía unha antiga muller á que eu quería moitísimo. En plena conversa sobre o explotador Amancio Ortega vaise acomodando con relax ideolóxico. Pensa que domina a situación. Fala das orixes do de Zara con inusitado menosprezo. Nos seus ollos brilla un afán xusticieiro que me lembra ao Robin Hood de Errol Flynn. É a primeira vez que oio falar con tanta xenreira do empresario galego. O entrevistador, entón, nun arrebato de estudada espontaneidade, cuéstionalle con inquisidora mirada a roupa que leva. A cara do conversador preguntón é a dun pícaro que cheirou un bo obxectivo para unha nova e brutal travesura. Afíaselle o fouciño, metaforicamente falando. Enfestas as orellas. Encamíñase sen moverse cara ao norte sinalado. Pensa: esta é a miña. É casual, nova e á moda. Xúlgao con descaro e certo gozo polo que espera que vai vir. De que marca é? Non será de Zara? O político de ideas limpas, honestas e cheas de socialización elitista cala. Mira de esguello ao seu entrevistador, desexoso e fervente, como un devoto ante o Cristo dos xitanos, rogándolle unha nova e salvadora pregunta. Sálvame!!!, grítalle coa mirada, coma se fose Jorge Javier Vázquez acurralado por Matamoros. Con delicadeza case pornográfica, o entrevistador cóllelle a lapela perfectamente pasada polo ferro, ábrelle a chaqueta con estética televisiva, e le detidamente. Os dez segundos “duran” unha insufríbel hora. O político ruborízase como un párroco nun bordel, como diría Sabina, e… zasca! De Zara!!! O inquisidor, así sente o interrogado, le a etiqueta cun ton ofensivo, vitorioso e prepotente, como o do xefe déspota e tirano que expedenta ao seu traballador por unha falta leve e insignificante, ou como o señor Scrooge de Dickens, en Conto de Nadal, cando o frío do seu interior xeáballe as vellas faccións. A cara do noso querido político trócase nun escorbuto vomitivo. Logo, en privado, recoñécelle que é o maior zasca que recibiu en moitísimo tempo. Pero non adiantemos. Levántase a cámara lenta. Véselle máis incómodo e tremelante que aquel pobre neno que, ante a reprimenda do severo profesor, tápase a zona “mollada” do seu pantalón. Case rompe a chorar. E márchase deixando un ronsel de confusa e reveladora vergoña.
Non foi así.
Tanto me ten.
Soamente adorneino cun pouquiño de literatura.

Author: José María Máiz Togores

Profesor e escritor. O primeiro, de seguro; o segundo, iso creo.

Deja un comentario

Required fields are marked *.