LEMBRANZAS

| 0 comments

Lembro…

Aquel recóndito recuncho na fría e frondía adega da nosa casa do Burgo (Vedra, A Coruña) onde nos ocultabamos para dar inocentes bicos ao viño de misa que os nosos maiores crían ter alí a recado dos nosos desexantes beizos.

Aqueles muros de pedra, anchos, herméticos e poderosos, que nos días de forte calor non permitían que se requentara o fresco ambiente do interior.

Aquelas abelloadas vigas de madeira que soportaban a estrutura do piso superior e, que sen esconder tesouro algún, grazas ás tradicións dos nosos antepasados, facíannos soñar con prohibidos misterios e inimaxinables lendas.

Aquela vella cociña de leña que emitía rudimentarios fogos artificiais, á vez que unha música desconcertante e sedutora, pero que grazas a ela durante anos saboreamos os mellores praceres da cociña galega de aldea.

Aqueles teimosos colchóns da que, en incontables noites de verán, húmidos e fríos, foron leais e silenciosas testemuñas do necesario descanso dunha infinitude de irredentas esmorgas e non menos primeirizas bágoas de mocidade.

Aqueles egrexios retratos do primeiro andar que, en actitude intimidatoria e detidos nun tempo amarelo, durante numerosísimos anos foron silentes xuíces dos nenos que, con inconsciente falta de respecto, xogabamos ao agocho ou ao xogo da tula nas frecuentes tardes de choiva.

Aquelas vellas e sobadas lentes de patillas retortas, cuxo dono sempre esquecía na mesa velador da era, e que durmiñaban solitarias e ansiosas dunha nova caricia todas as madrugadas sobre a portada dalgún humedecido libro con follas de cor pallosa.

Aquela vistosa e case arrogante galería que nos permitía gozar duns solpores idílicos, locus amoenus dun tempo que se nos escapou das nosas mans irrevogablemente case sen darnos conta.

Aqueles vellos e trasnoitados xornais, que servían de prato ao máis inofensivo veleno que xamais foi capaz de matar e si cebar aos ratos máis lonxevos da fértil comarca do Ulla.

Aquela choiva lixeira, orballo, (chuvieiras, segundo algúns veciños da aldea) das tardes do mes de setembro que, nun asperxido cerimonial, anunciábanos indefectiblemente o final dun verán que empezaba a dar a protocolaria benvida a un triste outono.

Aqueles ollos de neno, asombrados e toleados polos contos e historias dun home que, cunha cabicha nos beizos, contábanos as máis insólitas aventuras dunha suposta pantasma que percorría a eira e os xardíns da nosa casa as noites de treboada.

Aquela canción hoxe xa case esquecida, pero que nas indelebles romarías de entón fíxonos a máis dun impregnar irremediablemente as nosas roupas dun peculiar cheiro a viño e a polbo, así como decorar os nosos xerseis de delatoras herbas e ferintes toxos.

Aquelas palabras e frases dos veciños da aldea nun desnormativizado galego que, cando as oín por primeira vez, bailaron nos meus oídos como as pingas de rosada repenicaban nos cristais nas húmidas madrugadas do mes de maio.

Aquelas olladas, distantes ou próximas, entre xogos, charlas ou música, que se cruzaban efervescentes e facíanse mil declaracións dun amor aínda adolescente.

Aquel… Aquela… Aqueles…

Que por que lembro… tantos aqueles…, preguntaranse, amigos lectores.

Porque xa non conservo nin recunchos de adega, nin muros de pedra, nin vigas de madeira, nin cociñas de leña, nin teimosos colchóns, nin egrexios retratos, nin vellas e sobadas lentes, nin arrogantes galerías, nin xornais trasnoitados, nin chuvieiras, nin ollos de neno, nin cancións esquecidas, nin palabras en desnormativizado galego, nin olladas, nin…

Só conservo un bambaneante presente que se obstina en vivir nun idílico pasado.

Author: José María Máiz Togores

Profesor e escritor. O primeiro, de seguro; o segundo, iso creo.

Deja un comentario

Required fields are marked *.