¿Que é o posthumanismo filosófico?

 

Por Guillermo Rodríguez Alonso (*)

A profesora Francesca Ferrando, no seu libro Il posthumanesimo filosofico e le sue alteritá afirma, non sen certo espírito mesiánico, que o posthumanismo é a filosofía do noso tempo. Esta determinación  «temporal» sitúa o posthumanismo como producto dunha determinada crise de valores vencellados tradicionalmente ao Humanismo. O posthumanismo xurde como un concepto chave e central no pensamento contemporáneo no sentido en que este denota a urxencia dunha redefinición/deconstrucción do concepto de humano e, en consecuencia, nunha crise da antropoloxía filosofíca, centrada na búsqueda da esencia e do propio do home. Sen embargo, como  di Gilbert Simondon, «non hai unha esencia (humana) que poida fundar unha antropoloxía»; o home é tan só un mecanismo de recoñecemento baseado na exclusión do non-humano.

A redefinición do humano tórnase unha necesidade dos nosos tempos, e o fai necesariamente nos eidos en que o ser humano foi pensado até agora, especialmente trala súa delimitación teórica no Renacemento occidental e máis aínda no iluminismo e no século XIX. Estes eidos pasan pola ontoloxía pero tamén, non cabe duda, polo campo científico e bio-tecnolóxico. O humano pode pensarse como unha especie biolóxica determinada pero tamén como un feito cultural, mesmo espiritual e metafísico de primeira orde – diríamos, incluso, o máis decisivo.

Volvendo á definición ou delimitación teórica do que o posthumanismo sexa, Ferrando advirte da notable confusión que este termo xera nos diversos ámbitos que o empregan. Así, o posthumanismo pode referirse indistintamente a campos teóricos como o Posthumanismo (cultural, crítico e filosófico), o Transhumanismo (e as súas variantes, Extropianismo, Transhumanismo liberal, Transhumanismo Democrático, etc.), o Novo Materialismo, o os heteroxéneos pensamentos do Antihumanismo, a Posthumanidade e a Metahumanidade. Sen embargo, a acepción que aquí queremos precisar trata específicamente do Posthumanismo Filosófico como pensamento alén do Humanismo Metafísico, mais en sintonía co Antihumanismo que co Transhumanismo (que podemos considerar como un súper-humanismo). Para comprender, en tanto confrontación, a idea do posthumanismo, debemos atender as problemáticas filosóficas que prantexa a noción mesma de Humanismo e o seu alcance. Como gustaba de dicir sempre Gustavo Bueno: «pensar é pensar-contra». Pensar o posthumanismo non é posible sen saber qué é o «humanismo» que ven tralo «post-», a estratificación que se quere subvertir. Os eidos nos que esta confrontación acontece son fundamentalmente epistemolóxicos e ontolóxicos.

O posthumanismo é defendido aquí como unha ontoloxía alternativa, que a súa vez permite unha epistemoloxía, trala cal é posible pensar unha ética, unha política, configurando unha nova metafísica ou, en distintos termos, un modo non-metafísico do pensamento. Esta ontoloxía pasa por una deconstrucción do ser do home, entendido como un modo de subvertir os tradicionais dualismos sobre os que viuse articulada toda a metafísica occidental. (Mente/corpo, humano/animal, liberdade/determinación, natureza/cultura, mesmo/outro, home/muller, vontade/instinto, e un longo etc.). Como dicían Deleuze e Guattari, o preciso é «… lograr a fórmula máxica que todos buscamos: PLURALISMO = MONISMO, pasando por todos os dualismos que son o inimigo, pero un inimigo absolutamente necesario, o moble que continuamente desplazamos».

(*) Nota: texto cedido polo autor.

 

Deja un comentario

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

ads