POR QUE AMOR (NON) É UNHA PALABRA COMA OUTRA CALQUERA

fran

por Francisco Castro (*)

Somos un becho particular. A diferenza do resto dos seres vivos somos autoconscientes, sabemos que somos, que estamos, que existimos. E o peor de todo: sabemos que imos deixar de ser, de estar, de existir. Por iso andamos á procura de sentido. Necesitamos saber que estamos, que somos e que existimos por algo. En troques de facer coma as teixugas ou as eirugas, por dicir os primeiros animais que me veñen á cabeza, e vivir, teimamos en nos preguntar como debemos vivir. Facemos A Pregunta. Porque entendemos que Todo Ten Que Ter Un Sentido.

E daquela naufragamos. Porque esta vida non hai quen a entenda.

Amor é un concepto. É a maneira en que dotamos de sentido, de lóxica, de poesía, de palabras, do que sexa, algo inasible e incomprensible e por veces terrible como é a pulsión, o desexo animal, o goce que gozamos e que queremos gozar e gozar eternamente. O amor é o nome en bonito que lle damos a esa estratexia que a vida deseñou para garantir a propia supervivencia.

Mais non me malinterpretedes. Non son un cínico nin un materialista. Diga o que diga a natureza, o certo é que Amor, con maiúscula, é un invento delicioso que está por riba do que dicta a oxitocina, a pel, as neuronas e os plans da vida para continuar. O Amor con maiúscula é o mellor dos Sentidos. O que eu quero e polo que devezo.

Outra cousa é o amor romántico cursi insoportable indecente e repunante das novelas películas cancións series e imaxes en xeral de domingo con mantita de chorar pola tarde. Ese si que é un coma outra calquera.

Amor, non.

(*) Firma invitada. Texto inédito cedido polo autor.

Deja un comentario

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *